Estás en:Emprego

Os escritores David Uclés, Ismael Ramos e Andrea Fernández Plata protagonizan a cuarta edición de “Un Torrente de Conversas” da Deputación

O mércores, 12 de novembro, ás 19.30 horas, a Librería Biblos de Betanzos acolle o encontro literario con entrada libre ata completar aforo

Uclés, Ramos e Fernández Plata forman parte do xurado do XXXVII Premio Torrente Ballester de Narrativa que se reunirá no Pazo de Mariñán ese mesmo día

Os escritores David Uclés, Ismael Ramos e Andrea Fernández Plata protagonizan a cuarta edición de “Un Torrente de Conversas” da Deputación

A Deputación da Coruña organiza unha nova edición de "Un Torrente de Conversas" con David Uclés, Ismael Ramos e Andrea Fernández Plata como protagonistas deste 2025. Os tres escritores forman parte do xurado do XXXVII Premio Torrente Ballester de Narrativa que se reunirá o 12 de novembro pola mañá no Pazo de Mariñán para elixir as obras gañadoras en galego e castelán.

O obxectivo da Deputación, un ano máis, é achegar os premios literarios convocados polo departamento provincial de cultura ás librerías e ao público lector con actividades paralelas. O encontro entre David Uclés, Ismael Ramos e Andrea Fernández Plata será unha conversa literaria moderada pola xornalista Susana Pedreira que terá lugar na Librería Biblos de Betanzos o propio mércores, 12 de novembro, ás 19.30h, con entrada libre ata completar aforo.

Un Torrente de Conversas desde 2021
Desde hai catro anos, esta actividade paralela do Premio Torrente Ballester de Narrativa permitiu ao público lector escoitar conversas entre Manuel Rivas e Ignacio Martínez de Pisón; Víctor Freixanes e Bibiana Candia; Ledicia Costas, Diego Ameixeiras e Cristina Sánchez-Andrade ou Brais Lamela e María Sánchez.

Neste mes de novembro, chega a cuarta edición de "Un Torrente de Conversas" para volver poñer no centro a palabra, a lingua e a literatura unindo aos autores e autoras co público lector en librerías da provincia.

Máis de tres décadas premiando literatura
A área de Cultura da Deputación da Coruña pechará a concesión dos premios literarios deste 2025 coa reunión dos xurados do Premio Torrente Ballester no Pazo de Mariñán o 12 de novembro. Un encontro que é tamén unha festa das letras coa convivencia no Pazo de dez escritores e xornalistas culturais para decidir cales son as dúas obras gañadoras en galego e castelán.

Desde 1989, a Deputación contribúe á produción literaria coa convocatoria de certames literarios que buscan acrecentar a calidade fabuladora e a creatividade que caracteriza as nosas autoras e autores, e coa vontade de homenaxear a figuras relevantes da cultura galega como Dieste, Murguía, Castelao, González Garcés ou Torrente Ballester.

Nestas tres décadas, a nómina de premiados inclúe nomes imprescindibles da nosa literatura como Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Blanca Riestra, Agustín Fernández Paz, Gonzalo Hermo, Rosa Aneiros, Luisa Castro, Ignacio Martínez de Pisón, Marilar Aleixandre, Andrea Maceiras ou Teresa Moure.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X