Estás en:Emprego

O mellor cinema europeo da temporada volve a Cineuropa co apoio da Deputación

Do 7 ao 23 de novembro, proxectará preto de 140 filmes alén de concertos, debates e encontros con cineastas, nunha edición na que Jonás Trueba, Jaione Camborda e Kamal Aljafari recibirán o máximo galardón do festival compostelá

No programación destacan os novos filmes de Paolo Sorrentino, Jim Jarmusch, Richard Linklater, François Ozon, Olivier Assayas, Lucrecia Martel, Radu Jude ou Joachim Trier

"Sen o traballo conxunto das institucións, como a que eu represento, e sen as nosas liñas de axuda e outras que sosteñen o tecido audiovisual galego sería imposible manter vivo un proxecto cultural da dimensión e da calidade de Cineuropa", salientou hoxe na presentación do programa a deputada de Cultura, Natividade González

O mellor cinema europeo da temporada volve a Cineuropa co apoio da Deputación

Cineuropa regresa a Santiago de Compostela do 7 ao 23 de novembro para achegar ao público na súa 39ª edición, organizado polo Concello de Santiago de Compostela e co apoio da Deputación da Coruña, 140 películas procedentes de todo o mundo e un amplo abano de debates, encontros, ciclos e actividades formativas. A cita, xa de referencia logo de se consolidar ao longo de décadas, permitirá, baixo o lema "Saír do outono e da clandestinidade", explorar a diversidade e riqueza da cinematografía europea.

Na presentación hoxe da programación participaron a deputada de Cultura, Natividade González; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, e José Luis Losa, director do festival nunha edición que convida a recuperar o pracer colectivo da sala escura como antídoto contra os discursos do odio e a incerteza contemporánea.

"Cineuropa", dixo González, "é moito máis ca unha cita co cinema: é unha parte da vida cultural e emocional de Compostela que, ao longo de máis de tres décadas, xeración tras xeración, foi creando unha relación moi especial coa cidade". Ese éxito ten moito que ver, segundo a deputada, "coa colaboración e o apoio continuado das institucións, como a que eu represento, a area de Cultura da Deputación da Coruña". "Sen ese traballo conxunto e sen as nosas liñas de axuda e outras que sosteñen o tecido audiovisual galego", engadiu, "sería imposible manter vivo un proxecto cultural da dimensión e da calidade de Cineuropa".

Esas axudas son, para González, "moito máis que recursos económicos: son unha aposta polo talento, pola creación e pola liberdade cultural". "E grazas a elas", abundou "o cinema segue atopando espazos de difusión, e o público pode acceder a propostas diversas, arriscadas e comprometidas".

"Cineuropa", rematou a deputada, "é un exemplo claro do que se pode conseguir cando hai visión compartida, complicidade e vontade de facer cultura en común. E por iso é tan importante seguir coidando este proxecto, acompañalo e facelo crecer".

O festival
O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos estarán á venda a partir do próximo mércores 5 de novembro no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.

Entre as grandes citas do calendario internacional, Cineuropa 39 proxectará o León de Ouro da Mostra de Venecia, o Oso de Ouro de Berlín, o Leopardo de Ouro de Locarno e o Gran Premio do Xurado de Cannes, ademais doutros moitos títulos dos festivais citados e doutros certames internacionais como San Sebastián, Bos Aires ou Sitges, combinando novas voces con cineastas e ollares consagrados. A programación acollerá obras de Paolo Sorrentino, François Ozon, Olivier Assayas, Richard Linklater, Joachim Trier, Radu Jude, Lucile Hadzihalilovic, Pietro Marcello, André Téchiné, Lucrecia Martel, Hafsia Herzi, Dag Johan Haugerud, László Nemes, Alice Winocour ou Pedro Pinho, entre outros.

O Panorama Audiovisual Galego reafirma a aposta de Cineuropa pola creación propia. Este ano, a sección inclúe a estrea galega de "Así chegou a noite", o novo filme de Ángel Santos que pechará o festival; "Deuses de pedra", de Iván Castiñeiras, aclamado en Documenta Madrid e no Play-Doc de Tui; e "360 curvas", sobre as mobilizacións sociais da Fonsagrada nos anos 90. Completan a sección "Crónicas dun non", "Grelei raíces no teu lar", "Lola", "O meu nome é Camba" e "O silencio herdado". Ademais, o programa de curtametraxes inclúe "Ciudá de ladrillo", "Danza propia", "Pura" e "Algo novo que contar", mostrando novas voces e linguaxes cinematográficas en formato breve.

As once películas da Sección Oficial a Concurso reafirman o papel de Cineuropa como escaparate do novo cinema de autor. Nesta edición, o xenocidio palestino e a memoria das ditaduras do século XX atravesan moitos dos relatos, coa presenza destacada do cineasta Kamal Aljafari, que será tamén un dos tres Premios Cineuropa 2025. Xunto a el, recibirán o galardón Jonás Trueba, referente do cinema independente español e herdeiro da mellor tradición humanista europea, e Jaione Camborda, directora donostiarra-compostelá que fixo historia ao gañar a Cuncha de Ouro de San Sebastián con "O corno" e que representa o vigor do Novo Cinema Galego.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X