Estás en:Emprego

Ames celebra a edición máis internacional e comprometida de Cinema Miúdo co apoio da Deputación

Esta mañá presentouse a oitava edición do festival internacional de cinema infantil de Ames, que se vai a celebrar do 13 ao 16 de novembro no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns

A deputada de cultura, Natividade González, participou na presentación, onde puxo en valor que "o Cinema Miúdo foi creado para os nenos e as nenas de Ames, porque vós sodes os auténticos protagonistas deste festival"

Ames celebra a edición máis internacional e comprometida de Cinema Miúdo co apoio da Deputación

Esta mañá presentouse a oitava edición do festival internacional de cinema infantil de Ames, que se vai a celebrar do 13 ao 16 de novembro no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase da edición máis internacional e comprometida de Cinema Miúdo. Esta iniciativa está organizada pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Ames e propón un programa cinematográfico amplo de curtametraxes internacionais, actuacións e obradoiros que combina calidade artística, orixinalidade e compromiso social. Nesta edición unha das sesións da selección oficial contará cun subtitulado específico para persoas con discapacidade auditiva. Proxectaranse filmes procedentes de 21 países diferentes, entre eles Corea do Sur, Croacia, Dinamarca ou os Países Baixos, o que reflicte o carácter internacional e plural do certame.

O acto contou coa presenza da deputada de Cutura, Natividade González; do alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto; o director do festival Cinema Miúdo, Juan de Castro; e maila técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez. Ademais, acudiron á presentación 74 alumnos/as de cuarto curso de Educación Primaria do CEIP A Maía, que puideron ver en primicia varias curtametraxes adaptadas á súa idade. Tamén asistiron á presentación representantes de asociacións municipais.

Natividade González puxo en valor que "o Cinema Miúdo foi creado para os nenos e as nenas de Ames, porque vós sodes os auténticos protagonistas deste festival. E se falamos de oito anos, falamos que detrás deses oito anos nos que se leva celebrando o festival houbo moitas risas, porque o que realmente implica este festival, son moitas emocións, aprendizaxe e, sobre todo, moitísimas historias que puideron ver outros nenas e nenas como vós a través destas pantallas. Esas historias que ás veces non as vemos na realidade, pero que a través do cinema podemos chegar ata elas".

Baixo o lema Defendamos a paz e os dereitos humanos, a edición de 2025 pon o foco na importancia da Declaración Universal da ONU e na defensa dos valores de igualdade, solidariedade e xustiza. O festival propón un programa cinematográfico amplo de curtametraxes internacionais, actuacións e obradoiros que combina calidade artística, orixinalidade e compromiso social.

Curtametraxes internacionais
A sección oficial deste ano inclúe nove bloques de curtametraxes a concurso: seis dirixidos a público maior de 7 anos (Buxainas) e tres pensados para menores de 7 anos (Axóuxeres), ademais de tres sesións específicas para escolares. En total, participarán filmes procedentes de 21 países diferentes, entre eles Corea do Sur, Croacia, Dinamarca ou os Países Baixos, o que reflicte o carácter internacional e plural do certame.

En coherencia coa temática dos dereitos humanos, e como novidade, o festival inclúe dúas sesións especiais baixo o título Cinema en Valores: unha dedicada a clásicos en branco e negro, que reivindica a memoria e a historia do cinema como vehículo de reflexión social, e outra formada por pequenas xoias contemporáneas que abordan cuestións actuais dende unha mirada sensible e educativa.

Cinema Miúdo 2025 outorgará seis galardóns, recoñecendo tanto o voto do público como o criterio do xurado profesional: Axóuxeres Xurado, Axóuxeres Público, Buxainas Xurado, Buxainas Público, Escolares e o Premio Hematocrítico, destinado á curta que mellor relacione o cinema coa literatura.

Obradoiros e actividades paralelas
Debido ao gran éxito das edicións anteriores, nesta ocasión celebraranse dous obradoiros nos que a rapazada poderá crear efectos especiais e as súas propias animacións. O primeiro, Efectos especiais con Ricardo Spencer, achegará aos nenos e nenas os segredos da maxia cinematográfica, creando feridas e maquillaxes con materiais caseiros, ideais tamén para o Samaín.

O segundo, un obradoiro de Stop Motion con Fernando Cortizo. Esta arte cinematográfica consiste en crear a sensación de movemento a través da sucesión de fotografías. Para isto, os participantes moldearán os seus propios personaxes e crearán unha escena fotograma a fotograma, dando vida a unha pequena película de animación coas súas propias mans. Cortizo é, autor de numerosas curtametraxes, ademais do filme O Apóstolo (2012), a primeira longametraxe europea en stop motion estereoscópico, unha obra de referencia no cinema de animación.

Inauguración e clausura cheas de emoción
A gala de inauguración, o xoves 14 ás 17:00 horas, contará coa participación da escola de danza Danzaya Ames, que ofrecerá unha posta en escena chea de enerxía para dar inicio ao festival. A gala de clausura correrá a cargo do coñecido Peter Punk, que presentará un espectáculo cómico e reivindicativo centrado na defensa dos dereitos humanos e na mensaxe de paz que inspira toda esta edición.

Con esta proposta, Cinema Miúdo consolídase como un referente cultural en Galicia e un espazo de encontro para o público infantil e familiar. O certame propicia que a rapazada descubra o gusto polo cinema e que se forme un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Isto ten especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X