A deputada Cristina García destaca o festival Zona da Zanfona como un referente internacional
A deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos participou esta mañá na presentación da vixésimo primeira edición da cita, que se vai celebrar en Arzúa do 21 o 23 de novembro, organizada por aCentral Folque con financiamento da Deputación
O músico Emilio Cao e o lutier Xesús Pérez serán homenaxeados polo festival, cuxa programación inclúe cursos e palestras sobre o instrumento, ademais dos concertos de Steve Tyler & Katy Marchant, María López, Oli Xiráldez e Gustavo Couto, Pärbo, Iván Abal e Zarandela
"Desde a Deputación apoiamos iniciativas coma esta porque contribúen a fortalecer o tecido cultural galego, a dar visibilidade ás nosas creadoras e a dinamizar o territorio", salientou García Rey
Arzúa será, por segundo ano, sede do Festival Internacional Zona da Zanfona, que chega á súa vixésimo primeira edición, do 21 o 23 de novembro, co apoio da Deputación. A Casa de Correos local acolleu esta mañá a presentación do programa, nunha rolda de prensa na que participaron a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Concellos, Cristina García; o alcalde e a concelleira de Patrimonio de Arzúa, Xoán Xesús Carril e Lucía López, e Mauro Sanín, d'aCentral Folque, a asociación organizadora.
Na súa intervención, García Rey falou do festival como dun "proxecto que, tras vinte e unha edicións, segue a ser un referente internacional arredor dun instrumento tan noso como a zanfona, símbolo da nosa tradición pero tamén da creatividade contemporánea galega".
"Desde a Deputación", explicou a Deputada, "apoiamos iniciativas coma esta porque contribúen a fortalecer o tecido cultural galego, a dar visibilidade ás nosas creadoras e a dinamizar o territorio".
Para García Rey "é unha magnífica noticia que o Zona de Zanfona se celebre por segundo ano en Arzúa, un concello que aposta con forza pola cultura e entende que a cultura é tamén un motor de futuro e de orgullo do propio".
O programa
Zona da Zanfona volverá a citar a músicos amadores e profesionais arredor dun dos instrumentos tradicionais europeos que ten en Galicia un dos lugares de referencia, cunha significativa relevancia por número de escolas, alumnado, proxectos artísticos e lutieres.
O músico Emilio Cao e o lutier Xesús Pérez serán homenaxeados polo festival, cuxa programación inclúe cursos e palestras sobre o instrumento, ademais dos concertos de Steve Tyler & Katy Marchant, María López, Oli Xiráldez e Gustavo Couto, Pärbo, Iván Abal e Zarandela.
Concertos
21 de novembro, ás 21 horas, na Capela da Madanela.
- Steve Tyler & Katy Marchant: 'Worldes Blis'.
- María López: 'Daydreaming'.
22 de novembro.
- Oli Xiráldez e Gustavo Couto: 'O cego na feira'. Ás 11 horas, na feira da localidade.
- • Pärbo: 'Músicas'. Ás 21 horas, na Capela da Madanela.
- Iván Abal: 'Arredor da figura de Julio Vázquez Carril'. Ás 21 horas, na Capela da Madanela.
23 novembro, ás 12 horas, na Praza de Galiza (se chove terá lugar na Casa de Cultura).
- Zarandela
- Palco Aberto ZdZ: Escolas galegas de zanfona.
- Foro ZdZ
22 de novembro, ás 19 horas, na Casa de Correos.
- Palestra: 'A zanfona do cego de Carelle', con Xosé Manuel Tobío 'Xaneco'.
Cursos
- Iniciación. Óscar Fernández. Venres 21, de 16 a 20 horas (emprestaranse instrumentos).
- 'As músicas de Julio Vázquez Carril', con Iván Abal. Venres 21, de 16 a 20 horas.
- Clase maxistral, con Steve Tyler. Sábado 22, de 10 a 18.30 horas.
- En liña, con Ariel Ninas. Domingo 30, ás 18 horas.
A inscrición aos cursos poderase realizar cun formulario de rexistro en liña na web do festival (zanfona.folque.com) a partir do 3 de novembro.
