A Deputación colabora co III Foro da Industria Galega do Audiovisual para pensar o sector dende a inclusión e a diversidade
Celebrarase do 5 ao 7 de novembro no Espacio Avenida e nos Cantones Cines, da Coruña, cun programa que vai reunir profesionais destacados do audiovisual galego e estatal e inclúe mesas redondas, charlas e proxeccións
"A Deputación debe comprometerse en colaborar con citas coma o FIGA, que asegura que os e as profesionais galegas e estatais poidan abordar os desafíos e oportunidades dun audiovisual máis plural", afirmou a deputada Avia Veira na presentación hoxe do programa do foro
III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) chega a próxima á Coruña para ofrecer unha reflexión sobre a diversidade e a inclusión no audiovisual. Organizado pola Academia Galega do Audiovisual, co apoio da Deputación, o encontro celebrarase do 5 ao 7 de novembro no Espacio Avenida e nos Cantones Cines, e reunirá creadoras e creadores, profesionais e especialistas galegos e estatais para abordar os desafíos e oportunidades dun audiovisual máis plural.
A programación presentouse esta mañá nunha rolda de prensa na que interviron a deputada Avia Veira, en representación do departamento provincial de Cultura; a vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Carmen Méndez, e o edil de Cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro.
Veira agradeceu "o esforzo da Academia de todas as entidades que agrupan profesionais ou diferentes sectores culturais, porque isto facilita moito o labor que levamos a cabo na Deputación". "Vivimos nun mundo de présas constantes", engadiu, "pero a Academia Galega do Audiovisual, con iniciativas coma o foro que hoxe presentamos, aposta por unha industria que se pode, e debe, parar para reflexionar, escoitar e escoitarse e formarse e formar sobre temas tan cruciais coma a inclusión e a diversidade".
Para a deputada, a Deputación "debe comprometerse en colaborar con citas coma o FIGA, que asegura que os e as profesionais galegas e estatais poidan abordar os desafíos e oportunidades dun audiovisual máis plural, porque a nosa meta é clara: facer do audiovisual galego un espazo onde todas as voces e realidades estean representadas, e o FIGA é a ferramenta fundamental para conseguilo".
O programa
A programación desta edición, comisariada pola xestora cultural Salima Jirari, especialista en diversidade, igualdade e inclusión, combina proxeccións, charlas e mesas redondas que percorren diferentes dimensións da representación e da pluralidade no audiovisual contemporáneo.
Mércores 5
- 18.00-18.10 h. Apertura do III FIGA. Benvida institucional.
- 18.10-18.30 h. Estudio de caso. Con Fito Ferreiro, director do Festival Norte Cinema Diverso de A Coruña, e Alfonso Hermida, director de comunicación de Festival Norte Cinema Diverso A Coruña.
- 18.30-19.45 h. Proxección de curtametraxes Festival Norte Cinema Diverso.
- "An avocado pit, de Ary Zara".
- "O coidado", de Miguel Canalejo.
- "Ese lugar partido", de Pablo Santidrián e Inés Pintor.
- 19.45-20.45 h. "Fluor significa escuridade". "Performance" de Nuria Vil.
Xoves 6
- 10.30–11.15 h. Charla "Radiografía: representación e diversidade en cifras". Con Salva Tabone.
- 11.15-12.00 h. Charla "Recursos para imaxinar unha industria máis plural". Con Mel Estaba, Gema Arquero, Nati Juncal e Bárbara Tardón.
- 12.00-13.30 h. Mesa redonda "Describindo a norma". Con Ian de la Rosa, Lucía Estévez, Javi Ferreiro e Eva Libertad. Modera Anxos Fazáns.
- 16.30-18.00 h. Mesa redonda: "Novas perspectivas na produción". Con Gema Arquero, Charli Bujosa, Bea Saiáns e Nati Juncal. Modera Silvia Fuentes.
- 19.00 h. Proxección do fime "Sorda" e coloquio coa directora, Eva Libertad. Modera Salima Jirari.
Venres 7
- 10.30-12.00 h. Mesa redonda "Novos roles emerxentes". Con Lola Clavo, Pablo Romero e Salima Jirari. Modera Fon Cortizo.
- 12.00-13.30 h. Mesa redonda "O persoal é cinematográfico". Con Alejandro Marín, Afioco Gnecco, Jiajie Yu Yan e Xiana do Teixeiro. Modera Ángel Filgueira.
- 16.30-18.00 h. Mesa redonda "O casting como oportunidade para ampliar imaxinarios". Con Kathy Sey, Camila Bossa, Laura Galán e Miriam Garlo. Modera: Saamira Ganay.
- 19.00 h. Proxección do filme "La furia e coloquio coa produtora, Mireia Graell. Modera Andrea Nunes.
As entradas teñen un custo simbólico de 5 euros por día en concepto de reserva de praza, que se devolverán integramente ás persoas asistentes. O formulario de inscrición está dispoñible na web da Academia Galega do Audiovisual.
