A Deputación da Coruña reafirmará no Culturgal 2025 a súa aposta por unha cultura máis accesible e descentralizada
Na presentación hoxe da décimo oitava edición da feira, que se vai celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra do 28 ao 30 novembro, a deputada de Cultura, Natividade González, anunciou algunhas das novidades da programación do seu departamento para os vindeiros meses
«Para nós, colaborar con Culturgal, e nos últimos dous anos co Culturgal Expandido, é seguir apostando pola cultura como ferramenta de cohesión e igualdade territorial, e tamén como motor de orgullo, identidade e futuro compartido», salientou González
A XVIII edición de Culturgal reunirá do 28 ao 30 novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra a 750 artistas e creadores en 225 espectáculos e actividades para todas as idades. A ambiciosa programación presentouse esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, que volverá ter espazo na feira; o director e o presidente do Culturgal, Camilo Franco e Víctor López; Jacobo Sutil, director de Agadic; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
«Seguimos apoiando», dixo González, «este gran espazo, onde un ano máis a caseta da Deputación da Coruña estará chea de novidades; dende a campaña "A cultura para unha vida mellor", ao catálogo "A lingua con orgullo". E tamén, co gallo do Ano Castelao, a exposición do repositorio dos vinte anos dos nosos premios Castelao de banda deseñada».
A deputada de Cultura lembrou a aposta de seu departamento polo Culturgal Expandido, «unha iniciativa que nos permite ofrecer unha cultura máis accesible e descentralizada, e levar o espírito deste festival a concellos que están máis lonxe de Pontevedra e que, polo tanto, non sempre teñen a oportunidade de vivir de preto esta experiencia e sentirse parte deste gran espazo de creación e encontro que é Culturgal»
Para González, «colaborar con este proxecto é seguir apostando pola cultura como ferramenta de cohesión e igualdade territorial, e tamén como motor de orgullo, identidade e futuro compartido».
Programa
A feira volverá ser escaparate de adiantos e estreas. No musical destacan os nomes de Magín Blanco, que volve á música para o público adulto, Uxía, Faia Díaz, A Pedreira e Felisa Segade. Tamén haberá espazo para o humor galego, co espectáculo 'Moito conto', creado en exclusiva para Culturgal por Touriñán, a quen acompañarán, entre outros, David Amor, Pablo Meixe, Patricia Castriñón e Marita Martínez.
O audiovisual ten presenza no programa coa proxección dalgúns dos títulos máis relevantes do año e a presentación de novas producións, coma a serie "Pensión incompleta". Nas artes escénicas, compañías como o Centro Dramático Galego, Chévere, Talía Teatro, Bengala Teatro ou Morra o Conto adiantará os seus próximos espectáculos.
No literario, a organización renderá homenaxe á escritora Begoña Caamaño, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas en 2026. E pola feira pasarán Manuel Rivas, Suso de Toro ou Oihane Amantegui, entre outros moitos autores e autores.
A programación Infantil tamén medra para facer do Culturgal unha festa familiar. Como novidade, o sábado pola mañá haberá un Festival de grupos infantiles de escolas de teatro de toda Galicia.
No tocante ao acceso á feira, xa están á venda en www.cultur.gal as entradas para os concertos principais e para entrar no Culturgal, con bonos para os tres días por cinco euros.
