Estás en:Emprego

A Deputación impulsa un proxecto de investigación micolóxica para estudar e protexer a biodiversidade do Pazo de Mariñán

Rosa Ana García recibiu no Pazo de Mariñán ás persoas representantes da Federación Galega de Micoloxía para a presentación da iniciativa

A Deputación impulsa un proxecto de investigación micolóxica para estudar e protexer a biodiversidade do Pazo de Mariñán

A Deputación da Coruña realizará, en colaboración coa Federación Galega de Micoloxía, un proxecto de investigación sobre a diversidade micolóxica do entorno do Pazo de Mariñán.

A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, recibiu hoxe en Mariñán ás persoas representantes da Federación Galega de Micoloxía, encabezadas polo seu presidente, José María Traba Velay, e pola investigadora Mónica Saavedra López, especialista no estudo da diversidade micolóxica do enclave.

O proxecto ten como obxectivo realizar un inventario sistemático das especies de fungos presentes nos terreos do Pazo de Mariñán, un espazo de alto valor ecolóxico con especies vexetais singulares e árbores senlleiras pero que, ata agora, carecía dun estudo micolóxico exhaustivo. Os traballos permitirán identificar, catalogar e analizar a diversidade fúnxica do enclave, así como detectar especies de especial interese científico, incluídas aquelas raras ou pouco documentadas en Galicia.

A iniciativa xorde a partir das conclusións da I Xornada Micolóxica do Pazo de Mariñán, celebrada o pasado mes de outubro, na que se puxo de manifesto a elevada diversidade de fungos presentes na zona. Durante aquela xornada xa se localizaron especies de gran rareza no contexto galego, o que evidenciou a necesidade de abordar un estudo continuado e metodoloxicamente estruturado.

Os resultados da investigación permitirán integrar o coñecemento micolóxico na xestión ambiental do Pazo de Mariñán, reforzando o seu valor como espazo de referencia para a investigación científica, a conservación da biodiversidade e a divulgación ambiental na provincia da Coruña.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X