Estás en:Emprego

AMBAR acolle en Ribeira o programa provincial “Mergullando sen nos mollar”

A actividade achega o medio mariño galego ás persoas usuarias a través de realidade virtual adaptada

AMBAR acolle en Ribeira o programa provincial “Mergullando sen nos mollar”

A asociación AMBAR de Ribeira acolleu esta mañá unha nova sesión do programa "Mergullando sen nos mollar", unha iniciativa da área de Medio Ambiente da Deputación da Coruña que utiliza a realidade virtual para achegar o coñecemento do medio mariño ás persoas con discapacidade.

A deputada de Industria e Emprego, Rosa Ana García, visitou a entidade para coñecer o desenvolvemento da actividade e compartir a experiencia coas persoas participantes. A sesión permitiu explorar fondos mariños galegos mediante imaxes en 360 graos, cun formato accesible e adaptado ás capacidades do grupo.

"As persoas usuarias levan días preguntando, agardando a actividade con moitas ganas e ilusión", afirmou a presidenta de AMBAR, Milagros Rey, que agradeceu a presenza da deputada para participar nesta xornada especial.

Rosa Ana García sinalou que a Deputación continúa a apoiar iniciativas que achegan recursos innovadores ás entidades sociais e que amplían as oportunidades de participación das persoas con discapacidade nunha experiencia inmersiva.

O programa está dirixido a entidades sociais da provincia e adapta os contidos e a duración das sesións ás necesidades de cada centro. O obxectivo é facilitar unha experiencia educativa segura e accesible, empregando ferramentas tecnolóxicas que permiten coñecer o patrimonio natural mariño sen necesidade de desprazamentos nin barreiras físicas.

"Mergullando sen nos mollar" continúa o seu percorrido por distintos centros da provincia da Coruña nas vindeiras semanas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X