Estás en:Emprego

A deputada de Cultura subliña o carácter «innovador e actual» de Rosalía de Castro na presentación dos actos polo seu día

Natividade González destacou hoxe en Padrón que «non seriamos o que somos se non fose pola figura de Rosalía»

A programación polo Día de Rosalía inclúe música, lectura pública e a novena edición do Caldo de Gloria

A deputada de Cultura subliña o carácter «innovador e actual» de Rosalía de Castro na presentación dos actos polo seu día

A Casa Rosalía de Castro, en Padrón, acolleu esta mañá a presentación dos actos previstos para o vindeiro 23 de febreiro con motivo da homenaxe á escritora galega universal. Foi presentada nunha conferencia de prensa conxunta con participación da deputada provincial de Cultura, Natividade González; Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Anxo Arca, alcalde de Padrón; e o cociñeiro Iago Pazos. Asemade, os músicos Luís Xaneiro e Olimpio Xiráldez interpretaron a 'Alborada de Rosalía'.

A deputada de Cultura, Natividade González, puxo énfase na importancia que Rosalía de Castro ten para Galiza e para todos os galegos e galegas. «Non seriamos o que somos hoxe se non fose pola figura de Rosalía, a nosa identidade sería totalmente distinta», afirmou, e destacou a diversidade de actos en febreiro ao redor da escritora. «Debería existir xaneiro, despois 'Mes de Rosalía' e xa marzo», apuntou.

Ao respecto, convidou a cidadanía a achegarse a coñecer «unha persoa que foi fundamental nas nosas vidas, na nosa forma de ser e de ocupar este territorio». Referentes coma ela «temos que poñelos en valor», sinalou, ao tempo que incidiu en que como feminista e como muller «canto máis nos achegamos á súa figura, canto máis a lemos, vemos que era unha persoa innovadora, totalmente actual».

Natividade González rematou a súa intervención pondo en valor o rico tecido cultural do país, «do que nos sentimos moi orgullosas e co que temos a sorte de poder colaborar».

Programación polo Día de Rosalía

O concerto principal celebrarase na Casa de Rosalía, cun espectáculo no que Uxía e Javier Ruibal, acompañados á guitarra por Marcos Teira, musican versos de Rosalía e Federico García Lorca no proxecto "De tu casa a la mía". O traballo afonda na irmandade poética entre ambas figuras e transita polo flamenco, as músicas galegas e lusófonas e sonoridades do Magreb.

O 23 de febreiro haberá celebracións en Santiago e Padrón. En Santiago desenvolverase a Alborada e unha ofrenda floral na Praza de Vigo, lugar de nacemento da escritora, e o acto central no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, con lectura de poemas por parte de autoridades e representantes da realidade social galega e actuacións musicais. En Padrón, escolares da vila lerán poemas diante da estatua do Espolón e haberá ofrenda floral e degustación do Caldo de Gloria nos locais da vila.
Desde a Fundación Rosalía animaron a toda a cidadanía a celebrar a data lendo textos da autora, sumándose á 'Alborada de Rosalía' e preparando o Caldo de Gloria, inspirado no poema "Miña casiña, meu lar" de Follas novas. A iniciativa, iniciada en 2017, conta hoxe coa participación de centos de centros educativos e establecementos hostaleiros de todo o país e do exterior.

Nesta novena edición, o Caldo de Gloria será preparado por Iago Pazos na Casa-Museo e no Panteón, onde ofrecerá a súa versión do prato ás 19 horas. A xornada rematará na Casa-Museo co concerto de Uxía e Javier Ruibal.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X