Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña reúne na V Gala da Cultura todo o talento premiado no último ano en diversos galardóns

Ao longo da xornada, desenvolvida no Teatro Colón, déronse cita 19 persoas premiadas en 13 categorías que van desde a literatura ao cine pasando pola música e a fotografía

A arte e a cultura citáronse no espazo coruñés onde se fixo un recoñecemento á tradición e á innovación a través dun decorado presidido por sanandresiños e onde os presentadores luciron traxes deseñados polo novo talento da escola Mestre Mateo

A Deputación da Coruña reúne na V Gala da Cultura todo o talento premiado no último ano en diversos galardóns

O Teatro Colón acolleu esta tarde a V Gala Daccultura na que se deron cita 19 persoas premiadas nas 13 categorías impulsadas pola Deputación da Coruña e nas que se recoñece o talento nas máis diversas categorías.

Un evento que cumpriu coa premisa de ser un espazo de encontro artístico, recoñecemento e defensa da creación tanto en Galicia como fóra, a través dalgúns dos premios que xa contan coa categoría de internacional.

A cita, presentada pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño&Ameixeira. Do mesmo xeito, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Cultura, Natividade González, lembraron nas súas intervencións a importancia de recoñecer o talento e a calidade que xorden ao redor destes premios.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de apoiar o talento, tanto na educación como na cultura. Puxo como exemplo a historia de Rosa Crujeiras, a nena dunha pequena escola rural de Artes á que lle chegaron a dicir que con saber «as catro regras era suficiente», e que hoxe é a primeira reitora da Universidade de Santiago nos seus máis de 500 anos de historia.

Subliñou que historias coma esta «fannos reflexionar sobre a importancia de non poñer límites ao talento polo lugar no que nace unha persoa». «Durante moito tempo, a moita xente lle dixeron até onde podía chegar. Desde a Deputación queremos facer xusto o contrario: abrir oportunidades, detectar o talento e acompañalo para que poida desenvolverse con liberdade en calquera recuncho da provincia», afirmou.

Formoso destacou tamén que os Premios da Cultura responden a ese mesmo obxectivo, ao «visibilizar o talento, apoiar a creación e ofrecer unha oportunidade a quen está comezando», lembrando que «moitas traxectorias comezan cun impulso a tempo, como aconteceu con Isaac Díaz Pardo, que comezou a súa carreira artística formándose en Madrid grazas ao apoio da Deputación».

O presidente incidiu en que a cultura «xera emprego, actividade e futuro», cun sector que representa ao redor do 3% do PIB galego e máis de 35.000 postos de traballo, e remarcou que «levala a todos os concellos significa garantir igualdade real e permitir que cada persoa chegue tan lonxe como lle permitan o seu esforzo e o seu talento».

Natividade González reivindicou a cultura como «un dereito vivo, conectado coa realidade, que non pode entenderse separado da vida da xente», e defendeuna como «unha práctica social viva, compartida» que contribúe á transformación social e á construción de identidade colectiva. A deputada de Cultura destacou que a gala «permite recoñecer o talento e a creatividade artística en moi diferentes campos» e puxo en valor o papel das persoas premiadas como exemplo «dunha cultura que nos constrúe como pobo, que nos conecta coa nosa lingua, coa nosa memoria e coa nosa maneira de estar no mundo».

A responsábel provincial subliñou ademais que «non hai futuro para Galiza sen cultura» e reafirmou o compromiso da Deputación da Coruña cunhas políticas públicas que «sitúen a cultura no lugar que merece: no centro da vida». González defendeu tamén a cultura galega como «un valor no mundo global» e reivindicou con orgullo «a nosa lingua e a nosa singularidade como pobo».

Nesta V edición cobraron un especial protagonismo os sanandresiños, que decoraban o teatro desde o exterior ao escenario pasando polo photocall. Un recurso que simboliza a oda á sorte que, unida ao talento, tantas veces faise necesaria para dar visibilidade á arte. Ao mesmo tempo, estes elementos exerceron de recordo pola conexión coa identidade cultural do país desde unha linguaxe accesible e contemporánea.

Unha gala para a cultura

O evento, que volveu contar coa dirección artística de Thais Suárez, foi unha oda á cultura desde o acceso ao teatro. Así, unha hora antes, os asistentes puideron ver o traballo realizado polo artesán Jorge Bellón —único artesán de Santo André con certificación de Artesanía de Galicia— para a realización de sanandresiños.

Un mural de sanandresiños fixo as veces de posadoiro e sobre o escenario, decorado polos mesmos elementos que a fachada e o acceso, déronse cita as persoas premiadas e presentadores, estes últimos vestidos por novos artistas estudantes da Escola de Deseño Mestre Mateo. Laura Villar asinou as pezas de Susana Pedreira e Lucía Cabeza as de Xoán Fórneas.

Premio de igualdade

Un acto que comezou coa entrega dos premios Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, que na súa IX edición pasaron da área de Cultura da Deputación á de Igualdade para recaer nas produtoras Mala Herba na modalidade de iniciativa e Illa Bufarda en recoñecemento á súa traxectoria.

Deseño e cine

A continuación pasaron polo escenario Rosario Forján e Alfredo Olmedo, de D-Due, que recolleron o galardón da primeira edición Luis Seoane de deseño.

Outra primeira edición que se entregou esta noite foi a de José Gil de filmes en lingua galega, que foron un recoñecemento ao guión de longametraxes de ficción para Ángela Andrade e en documental para Borja Casal. Doutra banda, a traxectoria de Margarita Ledo foi recoñecida pola súa relevancia no audiovisual galego.

Galardóns artísticos gráficos

Carol Núñez, da Galería Vilaseco da Coruña, foi a encargada de recoller o premio que na XX edición do Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica foi para Regina Giménez. Tras ela, Juan Manuel de la Quintana e Ana Gesto recibiron respectivamente os galardóns da XX edición dos premios internacionais Luís Ksado de creación fotográfica e Isaac Díaz Pardo de Arte.

Premios literarios

Ao longo da tarde Pablo Escudero e José "Estro" Montaña subiron ao escenario do Teatro Colón para recibir os premios do XXXVII Premio Torrente Ballester de narrativa, nas categorías en lingua castelá e galega respectivamente. Manuel Barreiro, Elías Taño e Giovanna Lopalco, premiados co Castelao en banda deseñada, mostraron en directo os seus dotes artísticos antes de recoller os seus galardóns. Tras eles, Xosé Manoel Núñez Seixas recolleu o premio Manuel Murguía de ensaio e Antía Yáñez o Raíña Lupa de literatura infantil.

Premios musicais

A parte musical dos premios comezou co máis novo dos premiados nesta edición no VIII concurso Quero Cantar, que recolleu Gael Ares por "Bule bule", tema que foi cantado polos presentadores da gala, o mesmo que fixeron con "Preto de ti", da categoría xuvenil, co que foron premiadas Emma & Candela.

Pola súa banda, Hugo Gómez-Chao Porta, director artístico do festival RESIS, foi o encargado de recoller o premio internacional Andrés Gaos que na XVI edición recoñeceu o traballo do director e compositor Aitor Vázquez. A V Gala finalizou coa presenza de Belem Tajes, premiada no XVII concurso Fran Pérez Narf.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X