A Deputación e a Universidade da Coruña presentaron a campaña ‘Ser e Sentir’ e a quinta edición do Congreso Memoria Diversa
Sol Agra destacou que o obxectivo de 'Ser e Sentir' é «sensibilizar e concienciar sobre a igualdade dos dereitos das persoas, sexa cal for a súa orientación sexual e identidade de xénero»
O acto principal da campaña é o Congreso Memoria Diversa, que este ano analizará o papel da Igrexa, a represión franquista e as resistencias fronte á diversidade sexual e de xénero durante a Ditadura e a Transición
A Deputación da Coruña e a Universidade da Coruña presentaron esta mañá na Escola Normal da UDC a campaña 'Ser e Sentir', unha iniciativa arredor da memoria, os dereitos e a diversidade sexual e de xénero que incluirá diferentes actividades ao longo do ano. Un dos seus actos centrais será a quinta edición do Congreso Memoria Diversa, previsto para o vindeiro 6 de xuño.
A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra Tuñas, e a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina López Villar, deron a coñecer os detalles dunha programación que inclúe accións de sensibilización, formación e visibilización en colaboración con concellos e entidades sociais da provincia.
Segundo explicou Sol Agra, a campaña procura «garantir que o esforzo da Deputación a respecto da defensa da liberdade chegue ao conxunto da poboación». «O obxectivo é sensibilizar e concienciar sobre a igualdade dos dereitos das persoas, sexa cal for a súa orientación sexual e identidade de xénero», engadiu a deputada.
Entre as iniciativas previstas figura a elaboración de dúas unidades didácticas con vídeos explicativos e actividades para traballar co alumnado as perspectivas biolóxica e social da identidade sexual. O material presentarase nunha xornada para docentes e posteriormente será divulgado a través da páxina web da campaña para o seu uso por parte de concellos, centros educativos e entidades sociais.
A programación inclúe tamén charlas interactivas en dez concellos baixo o título 'Unha historia de diversidade na Historia da Arte', impartidas pola artista audiovisual e activista Carmen Granxeiro. A proposta combina o visionado de obras de arte, narracións biográficas e xogos de descuberta para achegar ao público «unha Historia da arte diversa e descoñecida habitualmente para o grande público».
O acto institucional do Orgullo celebrarase o 26 de xuño no Pazo Provincial, coincidindo coa decoración do edificio co lema da campaña e as cores da bandeira arco da vella.
Congreso Memoria Diversa
Pola súa parte, a quinta edición do Congreso Memoria Diversa, coordinada por Eva Mejuto —da entidade Capicúa— centrarase nesta ocasión na relación entre a Igrexa, o control social e as disidencias de sexo e xénero durante a Ditadura e a Transición. O encontro desenvolverase no espazo Normal da UDC e reunirá investigadoras, activistas, escritoras, avogadas e representantes do movemento asociativo LGBTIQ+ nun programa que combinará perspectivas históricas, activistas, culturais e divulgativas arredor da memoria democrática, o pensamento crítico e a creación cultural.
Entre os eixos centrais desta edición figura a reflexión arredor do Padroado de Protección á Muller, institución creada durante a Ditadura para controlar a moral e a conduta das mulleres. Esta parte do programa contará coa participación de Silvia Fernández Quinteiro, Belén Cillero e Daniela Ferrández.
O congreso abordará tamén cuestións como os arquivos da memoria LGBTIQ+, as primeiras loitas do activismo galego, as terapias de conversión ou a recuperación da memoria homosexual a través da literatura e da investigación histórica. Ademais, a Fundación 26 de Diciembre protagonizará unha exposición sobre memoria e disidencia sexual e de xénero no espazo expositivo da Normal. Segundo explicou Eva Mejuto, o Arquivo de Memoria Afectivas LGBTIQ+ créase para preservar e difundir a memoria histórica e cultural da comunidade LGBTIQ+ a través da recopilación, dixitalización, exposición e arquivo de testemuñas, documentos e obxectos que reflictan as súas vivencias, loitas e logros, coa fin de fomentar o recoñecemento, respecto e valoración da diversidade afectiva e de xénero.
Sol Agra destacou que o congreso pretende achegar «as referencias e referentes galegas na defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+» e reivindicou a necesidade de manter viva a memoria da represión sufrida durante o franquismo. «Con Franco non se vivía mellor, e as persoas que peor viviron foron as persoas disidentes da norma heteropatriarcal», afirmou. A deputada advertiu tamén de que existe «xuventude que di que bota de menos» aquela etapa histórica, motivo polo que considerou necesario continuar impulsando espazos de memoria e reflexión crítica.
A vicerreitora de Igualdade lembrou que a colaboración para a organización de Memoria Diversa naceu hai tres anos e foi sempre «moi frutífera». Cristina López agradeceu tamén o apoio da Deputación da Coruña ás distintas actividades organizadas pola Universidade, principalmente nas áreas de cultura e igualdade, «que non serían posíbeis sen a participación da institución» provincial, apuntou.
O programa contará coa participación de nomes como Guillermina Domínguez, Silvia Fernández Quinteiro, Belén Cillero, Daniela Ferrández, Víctor Mora, Fernando Olmeda, Andrea Momoitio, Saúl Castro ou Lucía Aldao, entre outras persoas vinculadas á investigación, ao activismo e á creación cultural. Precisamente, Lucía Aldao será a encargada da clausura artística da xornada.
A xornada poderá seguirse tamén en streaming a través da canle de YouTube da Deputación da Coruña.
