Cultura da Deputación unha nova edición do Curtocircuíto, que reunirá en Santiago 21 filmes de 16 países
O deputado Xosé Penas participou esta mañá na presentación oficial, xunto a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo
Na sección Cosmos competirán 21 obras de 16 países de creadores como Dorian Jespers, Julia Mellen, Bill Morrison, Helena Wittmann ou Mohammadreza Farzad entre outros nunha edición que se celebrará entre o 30 de xuño e o 5 de xullo
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela a través de Compostela Cultura co apoio da área de cultura da Deputación, completa a presentación da súa programación coa sección oficial Cosmos e cos xurados que decidirán o palmarés desta vixésimo terceira edición.
Hoxe en rolda de prensa, o deputado provincial Xosé L. Penas; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, presentaron os últimos contidos dunha edición que se celebrará entre o 30 de xuño e o 5 de xullo.
Penas salientou a importancia do festival no panorama audiovisual "que volve converter Compostela na capital cultural", facendo fincapé na colaboración entre administracións "para o desenvolvemento de proxectos como este, que son unha auténtica plataforma de vangarda e experimentación, e supoñen un espazo de encontro cultural e cidadán".
"Pero se algo destaca sempre o Curtocircuíto", engadiu o deputado, "é por traspasar o ámbito audiovisual para exercer de lugar de pensamento crítico e interxeracional". Por iso, dende a Deputación contribuímos con esta cita a impulsar a nosa identidade, riqueza e diversidade do audiovisual galego dentro do panorama internacional, amosando unha vez máis o potencial do país".
Durante seis xornadas, Santiago de Compostela volverá converterse nun espazo de encontro para o cinema contemporáneo e a creación audiovisual internacional. A programación desta edición abrangue as seccións competitivas Cosmos, Planeta GZ e Supernova; os focos dedicados a Lawrence Lek e Gala Hernández López; a entrega do Premio Curtocircuíto Atlas á cineasta francesa Marie Losier; a sección Terra, dedicada ao arquitecto, cineasta e fotógrafo Tono Mejuto; e o ciclo Psicoxeografías, que este ano conectará cinema, territorio e performance audiovisual.
O festival completará a súa proposta cun programa de concertos audiovisuais e estreas site-specific en diferentes espazos da cidade, con artistas como Ryoichi Kurokawa, Marta Verde e José Venditti, Los Sara Fontan e Tamara de la Fuente, Arvin Dola e Irene Gaumé ou Artur M Puga e Sevi Iko Dømochevsky. Ademais, Curtocircuíto ofrecerá encontros con creadoras e creadores como Marie Losier, Lawrence Lek, Gala Hernández López, Ricardo Cases, Marta Echaves ou Aleix Plademunt, así como dúas novas residencias artísticas de fotografía protagonizadas por Manuela Lorente e Ricardo Cases
