Estás en:Emprego

A Deputación apoia ao festival Castelo Conta cunha achega de 36.000 euros

O festival de narración oral, comedia e tradición presentou onte a súa nova edición, acto no que participou a deputada de Cultura, Natividade González

A Deputación apoia ao festival Castelo Conta cunha achega de 36.000 euros

A Deputación apoia unha nova edición do festival 'Castelo Conta'. Este ano, a achega provincial para a celebración deste evento de narración oral, comedia e tradición acada os 36.000 euros, procedentes da liña que a institución conta para apoiar festivais. O evento foi presentado, de forma oficial, no día de onte, nun acto que contou coa participación da deputada de Cultura, Natividade González, quen puxo en valor o potencial deste proxecto nacido do impulso veciñal e que xera un enorme impacto cultural, social e de vertebración territorial en todo o concello de Culleredo.

Durante a presentación, a deputada detallou a relevancia de outorgar este respaldo económico a propostas que, coma esta, non só manteñen vivas as tradicións, senón que as reinterpretan para xerar riqueza e cohesión social. Para a responsable de Cultura do goberno provincial, 'Castelo Conta' eríxese como "un modelo exemplar de xestión cultural no rural que demostra a vitalidade e a capacidade de atracción de público que posúe a contorna non urbana cando se aposta pola calidade e pola identidade propia".

Natividade González sinalou que esta iniciativa "demostra como a cultura crea comunidade, fomenta a creatividade e achega a literatura e a narración oral a públicos de todas as idades". "Castelo Conta é un deses espazos onde as historias nos reúnen, onde a palabra compartida crea vínculos e onde a cultura se vive de maneira colectiva" engadiu. Por iso, "para nós é un orgullo apoiar economicamente iniciativas como esta, porque significa apoiar a cultura como ben común, talento e dinamización do territorio". Castelo Conta "é un exemplo de proxectos transformadores, de calidade, con identidade propia, que enriquecen a vida cultural da provincia e que fan da cultura un espazo de encontro e participación para toda a veciñanza".

Programación 2026

A nova edición do festival desenvolverase entre o 24 e o 30 de agosto nas diferentes aldeas que compoñen a parroquia de Castelo, iniciando a súa andaina cos máis pequenos grazas ao campamento "Xente Miúda". Neste espazo, a cativada participará en obradoiros artísticos de Castelo Studio, descubrirá a riqueza natural das fragas de Cabrois, construirá instrumentos musicais con materiais de refugallo guiados por Xavi Lozano e gozará tanto de representacións teatrais como dunha sesión de cinema de sombras.

Así mesmo, as sesións vermú encherán de actividade diaria a emblemática taberna de Casa Rodríguez, onde prestixiosos cociñeiros como Lucía Freitas, Jorge Trigo ou Begoña Vázquez elaborarán petiscos mentres soa a música de grupos como Quinkillada ou Tanto Nos Ten, servindo ademais para inaugurar a intervención artística "As pegadas do baile" de Artur Puga.

A oralidade e a memoria interxeracional terán o seu espazo destacado nas tardes coas sesións de "Contos de Castelo", que este ano renderán homenaxe a Finita Gay da man de Xurxo Souto, incluirán obradoiros de regueifa con Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, e presentarán a estrea do documental "Mulleres que Contan" xunto a Mercy Díaz. Ao caer o sol, os seráns trasladarán a festa a distintos recunchos da parroquia mediante actuacións musicais que abranguen o concerto especial da Orquestra Bravú Xangai, as propostas de Kid Mount, 9Louro ou Ailá, e a esperada cita de grandes nomes nacionais e locais como Xoel López e Antía Muíño nas fragas de Cabrois.

O broche de ouro a este amplo abano cultural chegará coa "Noite do Castelo Conta", cita que congregará a toda a veciñanza nunha multitudinaria churrascada popular de antesala á Gran Gala da Comedia Galega e en Galego, un espectáculo de monólogos conducido por Touriñán co acompañamento da Galifunk Brass e que rematará co concerto de Gin Toni's.

O festival pechará o domingo coa tradicional Romaría de San Ramón na que haberá polbada popular e música a cargo de La Ocaband, aínda que como gran novidade deste ano a taberna permanecerá aberta cunha variada axenda cultural propia durante un mes máis a partir do 24 de agosto, reforzando así o seu papel de motor integrador grazas ao apoio de colectivos como a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, a ONG Ecos do Sur ou a Asociación Parkinson Galicia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X