Estás en:Emprego

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

As deputadas provinciais Natividade González e Sol Agra visitaron as instalacións do proxecto compostelán

A entidade recibiu este ano máis de 11.000€ da institución provincial para o desenvolvemento do proxecto cultural "Papel e prata"

A Deputación reafirma o seu compromiso con Númax

As deputadas de cultura, Natividade González, e de lingua, Sol Agra, visitaron as instalacións de Númax, en Santiago de Compostela, para coñecer de primeira man o seu funcionamento e as actividades que se desenvolven grazas ao apoio da entidade provincial, que este ano investiu 11.228 € a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais, para o desenvolvemento do proxecto "Papel e Prata".

A deputada de cultura sinalou que NUMAX "é un exemplo de como a cultura pode construír comunidade, crear emprego de calidade e fortalecer o noso tecido cultural desde a economía social. É un proxecto singular que combina cinema, libraría e creación cultural cunha clara vocación de servizo público e de compromiso coa lingua e coa cultura galegas." Nese sentido, destacou que o compromiso da Deputación "é acompañar os proxectos como este que, xeran valor social, fomentan o pensamento crítico e crean oportunidades na contorna.
NUMAX leva anos desenvolvendo actividades culturais que contan co apoio da Deputación, e alegrámonos de comprobar que ese respaldo contribúe a consolidar unha iniciativa como esta".

Pola súa banda, a deputada de lingua afirmou que NÚMAX "demostrou ao longo dos anos que é posible desenvolver un proxecto cultural de referencia co galego como eixo principal. Ese compromiso cotián coa nosa lingua é un exemplo e un orgullo para o país". Agra engadiu que, precisamente, "a nosa lingua necesita espazos vivos, dinámicos e innovadores onde se empregue con plena normalidade, e NUMAX é un excelente exemplo".

NUMAX foi constituída en 2014 en Santiago de Compostela como unha cooperativa que desenvolve distintas áreas de actividade económica: unha sala de cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño gráfico, desenvolvemento web e posprodución de vídeo. Nos últimos 6 anos, recibiu máis de 78.000 € da Deputación da Coruña para o desenvolvemento de diferentes actividades culturais.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X