Estás en:Emprego

A Copa Deputación de fútbol celebrarase os días 1 de agosto e a primeira fin de semana de setembro en Miño e Pontedeume

En categoría masculina, o torneo disputarase en Miño e participarán o Muxía CF, a SD Negreira, o San Tirso SD e a SD O Val de Narón

A SR San Xoán de Calo, o Atlético San Pedro, o Xallas FC e a SD O Val de Narón competirán polo título feminino en Pontedeume

O Pazo Provincial acolleu hoxe o sorteo dos emparellamentos de semifinais, que se xogarán pola mañá, sendo a final pola tarde

A Copa Deputación de fútbol celebrarase os días 1 de agosto e a primeira fin de semana de setembro en Miño e Pontedeume

O Pazo Provincial acolleu hoxe o sorteo oficial de emparellamentos da XXXIV Copa Deputación masculina e a VII feminina de fútbol afeccionado. Nel participaron, ademais dos representantes dos diferentes clubs implicados, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e representantes dos municipios que acollerán as fases finais: Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume, e José Manuel Pantín, concelleiro de Deportes de Miño.

Por unha banda, a competición masculina terá lugar o sábado 1 de agosto no concello de Miño. Pola outra, a feminina xogarase ou ben o sábado 5 ou ben o domingo 6 de setembro, no concello de Pontedeume.

Neste torneo reúnense os equipos campións das Copas oficiais da Real Federación Galega de fútbol nas catro delegacións da provincia, tanto en categoría masculina como feminina. Deste xeito, como campións da Copa da Costa, participarán o Muxía CF en categoría masculina e o Xallas FC na feminina; da Copa do Sar estarán presentes a SD Negreira en homes e a SR San Xoán de Calo en mulleres; dende a Copa da Coruña chegan o San Tirso SD e o Atlético San Pedro; e, por último, a SD O Val de Narón representará á Copa de Ferrol en ambas categorías.

No caso do torneo masculino, o gañador deste trofeo participará na Supercopa Deputación, na que xogarán os catro equipos gañadores da Copa Deputación da súa respectiva provincia. Ademais, o campión desta competición xogará a fase previa da Copa do Rei. En ambos torneos as convocatorias serán de 25 xogadores ou xogadoras por equipo, sendo os cambios ilimitados. Esta medida adóptase para favorecer o espectáculo e poder celebrar a competición no mesmo día.

Emparellamentos

Os emparellamentos definidos no sorteo desta mañá deixan cruces de grande interese deportivo. Na categoría feminina, o Atlético San Pedro enfróntase á SD O Val (10:30 horas), mentres que o Xallas FC xogará contra a SR San Xoán de Calo (12:30 horas). Na categoría masculina, o San Tirso SD medirase á SD Negreira (10:30 horas) e o Muxía CF xogará contra a SD O Val (12:30 horas).

24.000 euros en premios

A Deputación da Coruña destina 24.000 euros en premios para esta edición da Copa Deputación. Os equipos campións, tanto en categoría masculina como feminina, recibirán 5.000 euros; os subcampións, 4.000 euros; e os semifinalistas, 1.500 euros por equipo.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, puxo en valor o traballo que se fai no fútbol base e nos diferentes territorios "para conseguir éxitos tan recentes como o Mundial de fútbol logrado a semana pasada". Agradeceu á FUTGAL, aos clubs e aos concellos o apoio ás iniciativas provinciais de fomento do deporte "pois o fútbol é un deporte moi demandante a nivel económico e de recursos".

Pola súa parte, Pablo Prieto insistiu en que "o fútbol base e afeccionado é o xerme de éxitos coma o Mundial. Hai moito traballo por detrás que non sería posible sen o traballo de tanta xente, que o fai, na maioría dos casos, de forma altruísta". Agradeceu o traballo tanto da Deputación, coma dos concellos colaboradores e clubs por "facer unha aposta decidida polo deporte, especialmente polo de base".

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X