A Deputación colabora coa 43ª Festa dos Botes de Arzúa
Do 7 ao 9 de agosto, Arzúa encherase de música, historia e identidade local coa 43 edición da Festa dos Botes
As deputadas de cultura, Natividade González, e de lingua, igualdade e dereitos civís, Sol Agra, participaron na presentación oficial da programación
Arzúa acolleu a presentación da 43 edición da Festa dos Botes, organizada pola asociación Xuventude Arzúa (XA), que porá a ollada en 1982, homenaxeando os cinco mozos que nese ano foron quen de recuperar a festa, despois de que fose censurada polo franquismo.
A presentación oficial do cartel da 43 edición contou coa participación das deputadas de cultura, Natividade González, e igualdade, Sol Agra; representantes institucionais do Concello de Arzúa, Xoán Xesús Carril; alcalde da vila, e Daniel Moscoso, concelleiro de Mocidade e representantes da asociación.
A deputada de cultura salientou que a Festa dos Botes "é un magnífico exemplo de como a cultura popular é quen de sobrevivir ao paso do tempo grazas ao compromiso da veciñanza. Estamos diante dunha celebración que non só conserva tradicións, senón que as reinterpreta desde a participación, a creatividade e a implicación da mocidade". "Esta é tamén unha festa que fala de identidade. Faino desde a lingua, a cultura e desde un modelo de celebración aberto, participativo e inclusivo. Son valores plenamente compartidos pola Deputación da Coruña e que encaixan coa nosa maneira de entender as políticas públicas", engadiu.
Pola súa banda, a deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Sol Agra, apuntou que esta celebración "lémbranos que os dereitos e as liberdades nunca poden darse por conquistados para sempre. Que unha festa popular fose censurada por unha ditadura e que a mocidade decidise recuperala na democracia simboliza o poder da cidadanía para reconstruír espazos de liberdade e convivencia." Agra destacou tamén que "a mellor homenaxe que podemos facerlles aos cinco mozos que recuperaron a festa en 1982 é continuar defendendo a memoria, a dignidade e a xustiza, tamén nesta festa que con tanto agarimo organiza esta mocidade."
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou o bo facer de Xuventude Arzúa: «O cartel desta edición é espectacular, pero o certo é que non sorprende. Coñecendo o bo facer de Xuventude Arzúa, sabiamos que volverían presentar unha proposta coidada, con moitas novidades e á altura do traballo que veñen realizando durante todos estes anos. O Concello apoia este proxecto con plena confianza porque coñecemos o seu traballo e a dedicación coa que cada ano fan posible esta festa. Pola miña parte, nada máis que aproveitar para felicitar a Xuventude Arzúa e recoñecer o esforzo de todas as persoas que están detrás desta iniciativa.»
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso, puxo en valor o papel da mocidade organizada: «Para a Concellería de Xuventude é unha honra poder colaborar un ano máis con Xuventude Arzúa, un exemplo dunha mocidade activa e implicada, capaz de organizarse e sacar adiante proxectos que enriquecen a vida do municipio. Detrás da Festa dos Botes hai moitas horas de traballo, ilusión e compromiso de persoas mozas que deciden implicarse para ofrecer unha programación pensada para toda a veciñanza. Nesta 43ª edición hai un elemento especialmente emocionante: a homenaxe aos cinco mozos que en 1982 decidiron recuperar unha festa que o franquismo censurara durante décadas. Ese xesto foi moito máis ca recuperar unha celebración; foi recuperar un espazo de liberdade, de encontro e de expresión colectiva para todo un pobo."
Programación
A asociación debullou máis polo miúdo a ampla programación da Festa dos Botes, que, un ano máis, terá actividades para todos os públicos. Estas darán comezo cunha nova edición de Arte Urbana, que trata de dar un espazo de creación á mocidade de Arzúa. Xa a última hora da tarde, a música encherá a Cima do Lugar cos concertos de Chiskeiro, Bratzantifa e Ünder e Diego Flâneur. Mais non será o único toque musical que haxa ao longo da xornada, posto que Os Amighos da Túa Prima, BB+ e Escola Latexo Percusión acompañarán as persoas participantes no Xogo da Moca.
O día grande da Festa, o sábado 8, abrirá por segundo ano consecutivo cunha sesión vermú da man de Señora DJ. Xa pola tarde, os Festicultores terán o obxectivo de ir animar a veciñanza para o Memorial Luís Veiga de Lanzamento de Pucheiros. Aliás, durante toda a tarde haberá actividades para as crianzas, así como un obradoiro para deseñar o teu propio bote. Co atardecer darán comezo os concertos de Familia Caamagno, Las Petunias, 9Louro, Mala Gestión, Galician Army, Banana Joe e Mahía b2b bbWav. "Con esta programación buscamos xerar un espazo de encontro interxeracional onde facer comunidade, promovendo a lingua e a cultura, mais sobre todo volver pór o foco na importancia que ten a mocidade no rural do país", explicou Saavedra.
Mais a programación non fica aquí, na xornada de domingo a Festa trasladarase a Ribadiso, cun xantar de fraternidade, actividades infantís e festa da escuma. Como o toque musical non podía faltar, a sesión vermú e o tardeo estarán amenizados pola DJ local Pájara Boba. Así mesmo, durante toda a fin de semana creativas galegas exporán os seus produtos no Mercado de Artesanía da Festa dos Botes.
