Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña apoia a II Mostra de Teatro no Mosteiro para dinamizar o patrimonio provincial a través das artes escénicas

O ciclo, que se vai celebrar no claustro do Mosteiro de San Salvador, de Bergondo, inclúe espectáculos das compañías Galeatro e Dani Blanco Cía e a montaxe do grupo amador da Asociación Cultural Catro Gatos, organizadora da cita xunto co Concello bergondés

A deputada de Cultura, Natividade González, salientou hoxe na presentación da Mostra o papel do patrocinio provincial para "descentralizar a oferta cultural, apoiar o tecido asociativo e poñer en valor o noso teatro e o noso patrimonio histórico-artístico, de primeiro nivel"

A Deputación da Coruña apoia a II Mostra de Teatro no Mosteiro para dinamizar o patrimonio provincial a través das artes escénicas

A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación da II Mostra de Teatro no Mosteiro, unha iniciativa do Concello de Bergondo e da Asociación Cultural Catro Gatos que conta co patrocinio e o apoio estratéxico da administración provincial. O ciclo vaise celebrar entre o 3 e o 5 de setembro no claustro do Mosteiro de San Salvador bergondés, un enclave singular declarado Ben de Interese Cultural.

Na rolda de prensa participaron a deputada de Cultura da Deputación, Natividade González; a concelleira de Cultura de Bergondo, Patricia Vázquez; José María Martínez e María José Ferreño, de Catro Gatos, e Tone Martínez e Alba Bermúdez, da compañía Galeatro. Durante o acto repasouse o éxito da primeira edición e insistiuse na necesidade de lles dar continuidade a iniciativas que, coma a Mostra, serven para poñer en valor e dinamizar o patrimonio histórico-artístico da provincia, ademais de para crear públicos para as artes escénicas.

Natividade González destacou a importancia do apoio institucional a este tipo de programacións descentralizadas: "Desde a Deputación da Coruña", dixo, "mantemos unha aposta firme polo patrocinio de iniciativas que, coma esta II Mostra de Teatro no Mosteiro, cumpren un dobre obxectivo fundamental: poñer en valor a riqueza do noso patrimonio histórico-artístico e, ao mesmo tempo, achegar as artes escénicas a novos públicos en contornas únicas".

Para a deputada, o festival "amosa o valor da colaboración entre as administracións e o tecido asociativo local". "Con iniciativas así", afirmou, "non só dinamizamos a nosa historia e democratizamos o acceso á cultura no territorio, senón que tamén ofrecemos un escaparate e un apoio decidido tanto ás compañías profesionais galegas como ao teatro amador".

González salientou tamén o "traballo exemplar" da Asociación Cultural Catro Gatos: "A súa traxectoria pon de manifesto o valor da formación teatral desde a base e a capacidade de dinamización cultural dos colectivos locais, mantendo un grupo amador activo e promovendo circuítos escénicos na comarca".

Un escenario histórico para tres propostas escénicas

O Mosteiro de San Salvador de Bergondo, referente na evolución da arte románica na comarca das Mariñas e no conxunto de Galicia, transformará o seu claustro nun espazo escénico privilexiado con capacidade para 150 espectadores por cada unha das tres funcións; todas, de balde.

Xoves, 3 de setembro (21 horas). Muiñada, de Galeatro. Espectáculo dirixido ao público familiar que propón unha viaxe á memoria colectiva e ás tradicións galegas a través da historia de dous personaxes nun muíño de auga tradicional.

Venres, 4 de setembro (21 horas). Encrobas, do Grupo de Teatro Catro Gatos. Montaxe dirixida por Tone Martínez que aborda o teatro documental e de creación colectiva para revivir a histórica resistencia labrega no val das Encrobas fronte ás expropiacións nos anos 70.

Sábado, 5 de setembro (21 horas). Absurdia, de Dani Blanco Cía. Obra de improvisación para público adulto interpretada por Arturo Cobas, Antón Coucheiro e Daniel Blanco, que combina o teatro do absurdo e a poética do clown.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X