A Deputación acolle a presentación do Rally Terra de Galicia 2026, que contará con 40 participantes
A proba celebraráse do 3 ao 5 de setembro e reunirá a figuras destacadas do automobilismo como Jorge Cagiao, Iván Ares e Joan Vinyes.
O campionato volverá ser puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Terra.
O itinerario discorrerá polos municipios da Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Cerceda, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Tordoia
O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación oficial do Rally Terra de Galicia 2026, unha cita automobilística patrocinada pola Deputación que se disputará entre os días 3 e 5 de setembro.
O acto contou coa participación do deputado de Deportes, Antonio Leira; o vicepresidente da Federación Española de Automovilismo, José Vicente Medina; o director da área de Turismo do Concello da Coruña, Ignacion Martínez Dopico; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García; o presidente do Comité Organizador da Proba, Ernesto Rumbo; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, e representantes dos concellos polos que pasará a proba.
O rally, puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Terra (CERT), reuniu unha listaxe oficial de 40 equipos inscritos. Entre os competidores con maior recoñecemento e palmarés no panorama do motor atópanse pilotos de primeiro nivel como Jorge Cagiao (Recalvi Team, estreando un Lancia Ypsilon HF Rally2), Iván Ares (Toyota España, cun Toyota GR Yaris Rally2), o andorrano Joan Vinyes (Raposo Motorsport, cun Citroën C3 Rally2), así como o piloto local Iago Caamaño (Escudería A Coruña, cun Ford Fiesta R5) e Juan Carlos Quintana (Escudería Maspalomas, cun Škoda Fabia RS Rally2).
O itinerario discorrerá polos municipios da Coruña, Arteixo, A Laracha, Carballo, Cerceda, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Tordoia. O percorrido global suma 354,77 quilómetros, dos cales 104,5 quilómetros son cronometrados, repartidos en 8 tramos e unha superespecial de 2,4 quilómetros nun circuíto homologado pola RFEDA. O tramo máis longo acada os 19,7 quilómetros e o máis curto sitúase nos 10 quilómetros.
Durante a presentación, o deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou a importancia do apoio institucional para atraer o mellor automobilismo de nivel nacional á provincia. Lembrou o xerme desta proba, e puxo en valor "a traxectoria, o legado e a experiencia de provincia en organizar eventos deste tipo". Engadiu ademais que o apoio da Deputación ao mundo do motor é moi importante, pois "o 60% do orzamento que destinamos para apoiar grandes eventos deportivos vai para competicións de motor".
O vicepresidente da Federación Española de Automobilismo, José Vicente Medina, afirmou que "esta proba ten personalidade propia e está chamada a ser importante a nivel nacional". Ignacio Martínez Dopico, director da área de Turismo do Concello da Coruña, subliñou a importancia do turismo deportivo para a dinamización social e cultural do territorio. "Estamos moi orgullosos de poder recibir a participantes e seguidores na nosa cidade, acollendo a saída e a meta da proba".
O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García, puxo en valor a comunidade como "un dos grandes referentes a nivel nacional e internacional do mundo do motor"; mentres que o presidente do Comité Organizador da proba, Ernesto Rumbo, agradeceu "a colaboración de todas as administracións que fan que esta segunda edición do Rally Terra de Galicia sexa unha realidade, así como de todas as persoas voluntarias que están adecentando os tramos ou velando pola seguridade dos pilotos e dos espectadores, porque fan un traballo escuro que tamén merece un recoñecemto".
Rumbo detallou os aspectos técnicos e loxísticos, destacando un shakedown de 3,7 quilómetros e un parque de asistencia de 22.000 metros cadrados para dar acollida aos 40 equipos. Ademais, incidiu na importancia de "devolver aos concellos o que eles nos dan a nós; e facémolo coa promoción do territorio e co traballo de adecuación das pistas, que despois da proba quedan en boas condicións para o tránsito en bicicleta ou a pé".
