Estás en:Emprego

Valentín González Formoso asiste en Ferrol á botadura da fragata F-112 ‘Roger de Lauria’, un novo fito para a industria naval galega

O presidente da Deputación da Coruña participou no acto de posta a flote da segunda fragata do programa F-110, que consolida o papel de Ferrol como referente da construción naval militar

Valentín González Formoso asiste en Ferrol á botadura da fragata F-112 ‘Roger de Lauria’, un novo fito para a industria naval galega

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu este martes á botadura da fragata F-112 'Roger de Lauria', celebrada nas instalacións de Navantia en Ferrol. O acto supón un novo fito para a industria naval da comarca e un importante avance no programa de modernización da Armada española.

A nova fragata, segunda das cinco unidades previstas no programa F-110, foi posta a flote con catro meses de adianto respecto ao calendario inicialmente previsto, nunha xornada que reuniu a representantes institucionais, responsables de Navantia, membros da Armada, traballadores do estaleiro e numerosos veciños e veciñas da comarca.

O presidente provincial participou neste importante acontecemento para o sector naval de Ferrolterra, unha industria estratéxica para a economía da provincia da Coruña, tanto pola súa capacidade de xeración de emprego como polo seu papel no desenvolvemento tecnolóxico e industrial.

A Deputación da Coruña destaca a importancia do programa F-110 para garantir a continuidade da actividade dos estaleiros ferroláns, impulsar a innovación e fortalecer o tecido de empresas auxiliares que participan na construción destes buques. 

A cerimonia contou coa escritora Almudena de Arteaga, descendente directa do histórico almirante Roger de Lauria, como madriña da embarcación, que realizou o seu primeiro contacto coa auga da ría de Ferrol coincidindo coa preamar.

O programa F-110, que contempla a construción de cinco fragatas de última xeración, constitúe un dos principais proxectos industriais e tecnolóxicos en marcha en Galicia e reforza a posición de Ferrol como un dos grandes centros de construción naval militar de Europa.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X