A Deputación destina máis de 215.000 euros a cofinanciar a actividade dos centros socioculturais de Santiago
O pleno aprobou os convenios co concello compostelán para apoiar a dinamización sociocultural no rural e o mantemento do servizo no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe dous convenios co Concello de Santiago de Compostela para financiar as actividades dos centros socioculturais do rural e do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche.
A achega económica da Deputación da Coruña en ambos os dous convenios suma 215.042,013 euros sobre un orzamento total de 388.040,35 euros.
Esta colaboración co Concello de Santiago ten como obxectivo principal consolidar a oferta de actividades socioculturais, a formación dixital, a atención á infancia e ás persoas maiores, así como garantir a cobertura de persoal especializado tanto na rede de centros do rural como no espazo do Ensanche compostelán.
Centros rurais
O primeiro dos proxectos está centrado no programa de actividades dos centros socioculturais do ámbito rural de Santiago durante o exercicio 2026. Con un orzamento total de gastos de 150.000 euros correspondentes aos servizos de animación sociocultural e novas tecnoloxías, a Deputación achega o 50% do investimento, é dicir, un máximo de 75.000 euros.
Grazas a este financiamento, a rede municipal de locais e centros sociais espallados polas parroquias rurais de Santiago desenvolve unha ampla programación ao longo de todo o ano. As accións inclúen obradoiros infantís, iniciativas de dinamización dixital para combater a fenda tecnolóxica en colectivos sénior, actividades de estimulación da memoria, obradoiros de desenvolvemento persoal e propostas de lecer interxeracional adaptadas á realidade dunha poboación dispersa e envellecida.
Centro do Ensanche
O segundo convenio ten como obxecto o sostemento do centro sociocultural e xuvenil do Ensanche durante o ano 2026. Neste caso, o orzamento de gastos de persoal —que comprende tres uxieres e dúas animadoras socioculturais encargadas da xestión, atención e dinamización do centro— ascende a 238.040,35 euros. O organismo provincial asume o 58,83% deste orzamento cunha contribución de 140.042,13 euros. Este apoio garante o mantemento continuado dun espazo neurálxico para a veciñanza do Ensanche, onde se desenvolven clubs de lectura, xadrez e teatro, actividades dixitais, obradoiros informáticos monográficos e diversos programas culturais e de benestar dirixidos á infancia, mocidade e persoas adultas.