Inaugurada no Colexio de Fonseca a exposición ‘Sven Augustijnen. Mapas de Oriente Medio (1970-1979)’, co apoio da Deputación
A Deputación colabora con esta mostra, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do convenio que manteñen ambas entidades para a programación cultural da USC
A Deputación da Coruña apoia a exposición ‘Sven Augustijnen. Mapas de Oriente Medio (1970-1979)’, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e inaugurada este xoves, 12 de novembro, no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca, Nun acto que contou coa participación da deputada de cultura, Natividade González; da reitora da USC, Rosa María Crujeiras; do comisario da exposición, Pedro del Llano, e do artista Sven Augustijnen, que acompañaron a apertura dunha mostra que propón unha reflexión arredor da representación cartográfica de Oriente Medio durante a década dos setenta.
A exposición conta co apoio económico da Deputación da Coruña e enmárcase no convenio de colaboración entre a institución provincial e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento da súa programación cultural, unha alianza que permite impulsar propostas expositivas e iniciativas que contribúen a enriquecer a oferta cultural e a achegar a creación artística contemporánea á cidadanía.
A titular de Cultura da Deputación destacou a importancia desta colaboración e sinalou que «é un pracer contribuír economicamente á posta en marcha de iniciativas como esta, que permiten apoiar o traballo das institucións culturais e universitarias, dar visibilidade á creación artística e ofrecer á cidadanía propostas que invitan á reflexión e ao coñecemento».
A representante provincial puxo tamén en valor a colaboración coa USC como unha vía para fortalecer a programación cultural e favorecer o acceso a propostas artísticas de calidade, así como para consolidar a relación entre a institución académica e a Deputación na promoción da cultura e do pensamento crítico.