Arzúa acolle unha nova edición do festival Zona da Zanfona co apoio da Deputación
A 22ª edición do único festival da Península Ibérica dedicado especificamente a este instrumento desenvolverase os días 22, 27, 28 e 29 de novembro cunha programación que combina concertos, formación e divulgación musical.
A deputada de Lingua, Sol Agra, destacou o papel da colaboración institucional para descentralizar a oferta cultural e garantir que as vilas e o rural poidan acceder a propostas artísticas de primeiro nivel.
Arzúa volverá converterse na capital internacional da zanfona co desenvolvemento da 22ª edición do Festival Zona da Zanfona, unha cita organizada por aCentral Folque co apoio do Concello de Arzúa e da Deputación da Coruña. O festival realizarase os días 22, 27, 28 e 29 de novembro cunha programación que reunirá intérpretes galegas e galegos e internacionais arredor dun instrumento fundamental da tradición musical galega e europea. A nova edición foi presentada en Arzúa coa participación da deputada de Lingua, Sol Agra, o alcalde Xoán Xesús Carril e Mauro Sanín, en representación de aCentral Folque, quen puxo en valor a traxectoria e a consolidación dunha iniciativa que, desde o seu nacemento en 2005, se converteu nunha referencia musical.
“Cando un proxecto cultural acada vinte e dúas edicións ininterrompidas, deixamos de falar dun evento puntual para falar dunha cita imprescindible e consolidada no mapa musical galego e internacional”, sinalou Sol Agra, que destacou o compromiso da Deputación co apoio a iniciativas que contribúen a fortalecer o tecido cultural e a ampliar o acceso da cidadanía á cultura.
A deputada subliñou que, desde a Área de Cultura, a institución provincial entende a cultura “como un investimento estratéxico e un dereito da cidadanía”. Neste sentido, explicou que as liñas de subvencións da Deputación permiten ofrecer apoio económico aos concellos e ás entidades culturais para planificar as súas programacións, profesionalizar o sector e dar continuidade a proxectos de calidade. Agra incidiu especialmente na importancia destas colaboracións para descentralizar a oferta cultural e facer posible que as vilas e o rural acollan propostas artísticas de primeiro nivel, sen necesidade de desprazarse ás grandes cidades.
A deputada destacou tamén o valor da zanfona como instrumento representativo da tradición musical galega, pero cunha enorme capacidade para dialogar con outras linguaxes musicais. “Lonxe de ser unha peza de museo, aquí demostra que é un instrumento vivo, vangardista e capaz de dialogar con outras músicas do mundo sen perder a súa raíz”, afirmou.
Pola súa banda, o alcalde destacou a importancia de preservar e dar a coñecer a zanfona como parte do patrimonio cultural galego. «A zanfona é un instrumento cunha historia que forma parte da nosa identidade musical. Temos a responsabilidade de coidar ese legado, pero tamén de conseguir que siga vivo, que se coñeza e que as novas xeracións se acheguen a el». Carril puxo tamén en valor a capacidade da música para conectar pobos e culturas. «A música é unha linguaxe que nos permite dialogar con outras culturas do mundo. Este festival é un bo exemplo: desde Arzúa podemos descubrir como un mesmo instrumento forma parte de tradicións musicais moi diferentes, compartir experiencias e aprender uns dos outros».
Neste sentido, Carril salientou que acoller novamente a Zona da Zanfona permite situar Arzúa como punto de encontro entre a tradición musical galega e as músicas doutras partes do mundo.
As músicas de Maroxo, protagonistas dunha proposta especial
Un dos momentos destacados desta edición será a presentación de Músicas de Maroxo, o venres 27 de novembro, unha proposta encargada expresamente polo festival ás intérpretes Beatriz Martínez e Teresa Gómez.
O espectáculo recuperará e reinterpretará pezas tradicionais recollidas na parroquia arzuá de Maroxo a Salomé Pardo, Gumersindo Agra e Julio Vázquez Carril, coñecido como Julio de Froilán, gaiteiro de San Miguel. A iniciativa permitirá recuperar parte da memoria musical da parroquia e achegarlles este repertorio a novos públicos a través da zanfona.
Concertos gratuítos, formación e divulgación
A programación arrancará o domingo 22 de novembro, ás 11.00 horas, coincidindo coa tradicional Feira do 22 de Arzúa. O dúo As Sarandilleiras, formado por Leni Pérez e Pili Fernández, ofrecerá a actuación Cantares que rodan, achegando a música tradicional ao espazo da feira.
O venres 27 estará dedicado á formación e aos concertos. Entre as 16.00 e as 19.30 horas desenvolveranse dous cursos: unha sesión de iniciación á zanfona impartida por Óscar Fernández, con instrumentos dispoñibles para as persoas participantes, e unha clase maxistral a cargo do músico catalán Adrià Grandia, dirixida a intérpretes con experiencia.
Ás 20.30 horas, a Capela da Madanela acollerá as actuacións do músico gascón Romain Baudoin, que presentará Impressionnisme musical, e de Beatriz Martínez e Teresa Gómez, con Músicas de Maroxo.
O sábado 28, Romain Baudoin impartirá unha clase maxistral entre as 10.00 e as 18.30 horas. Ás 19.00 horas, a Casa de Correos será o escenario do Foro ZdZ, cunha palestra do musicólogo Xavier Groba titulada Casto Sampedro e a zanfona, sobre a relación do folclorista de Redondela con este instrumento.
A xornada rematará ás 20.30 horas na Capela da Madanela co concerto do Martín Blanes Jazz 4tet, que presentará Oestrymnia, unha proposta que explora a relación da zanfona co jazz, e coa actuación de Adrià Grandia, que dará a coñecer o seu novo traballo musical, Gràcies.
O domingo 29, ás 12.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a clausura do festival cun novo encontro das Escolas Galegas de Zanfona, que reunirá alumnado e intérpretes para compartir o traballo desenvolvido arredor da aprendizaxe e transmisión deste instrumento ás novas xeracións.
Todos os concertos serán de entrada libre ata completar a capacidade dos espazos.
As persoas interesadas en participar nos cursos poden consultar a información e formalizar a inscrición na páxina web oficial do festival: https://zanfona.folque.com/.