Un novembro á calor dos libros coa campaña ‘Un outono cheo de letras’ da Deputación da Coruña
A iniciativa, impulsada pola área de Lingua, permanecerá activa nas redes sociais durante tres semanas desde o pasado venres.
#UnOutonoCheodeLetras destaca a importancia da lectura e do libro en galego como instrumento esencial para a dinamización da nosa lingua.
O proxecto inclúe o sorteo de 1.000 euros en ‘Bonos-libro’ que as e os internautas poderán utilizar na libraría da provincia da Coruña que elixan.
O libro e a lectura como ferramentas para a construción de sociedades máis abertas e libres e, en particular, o libro en galego como instrumento esencial para termos unha visión propia do mundo e contribuírmos á dinamización da nosa lingua. Son exemplo dos obxectivos que agarima a campaña ‘Un outono cheo de letras’, coa que a área de Lingua da Deputación da Coruña anima toda a cidadanía a visitar librarías e bibliotecas na procura das alfaias que a estación literaria nos descobre nos andeis do libro en galego.
‘Un outono cheo de letras’ é á vez homenaxe ao universo de mulleres e homes que contribúen a espallar o saber, o gozo e o pensamento coas nosas palabras: un sector, o do libro, historicamente clave no proceso de normalización lingüística. Deste xeito, e desde esta semana, a iniciativa da área de Lingua da Deputación da Coruña, subliña o firme compromiso da institución provincial co fomento da lectura e o libro galego.
Nesta edición ‘Un outono cheo de letras’ divulgará ademais na rede pequenos xogos de lingua, en formato interactivo, xurdidos a partir das páxinas dunha selección de libros en galego. Uns recursos á vez lúdicos e didácticos, que quedarán á libre disposición da cidadanía na propia páxina da Deputación, servindo de material de apoio para a aprendizaxe e mellora da lingua para o que toman como referencia diversas obras, moitas delas premiadas nos concursos literarios da propia Deputación da Coruña.
A cidadanía convidada a participar
#UnOutonoCheodeLetras é novamente o cancelo co que se convida a cidadanía a participar na campaña. Como en anteriores edicións, as persoas que se queiran sumar aos valores en prol do libro e da lectura espallando os contidos e o lema da campaña nas redes sociais, entrarán no sorteo de dez bonos-libro. Cada un destes bonos está valorado en 100 euros.
As dez persoas gañadoras poderán empregar estes bonos na libraría da provincia da Coruña que libremente elixan. En edicións anteriores, as persoas gañadoras fixeron efectivos os seus bonos en librarías de Cambre, Zas, Santa Comba, Sada, Noia, Oleiros, Santiago de Compostela, Carballo ou na propia cidade da Coruña, entre outros municipios.
#UnOutonoCheodeLetras aproveitará tamén para destacar algúns dos distintos premios cos que a Deputación fomenta a creación na nosa lingua e o fomento da lectura, como é o caso dos certames Torrente Ballester de narrativa, Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, González Garcés de poesía, Rafael Dieste de teatro ou Manuel Murguía de ensaio.