Estás en:Emprego

A Deputación e o Concello de Outes investirán 130.000 euros na mellora de vías en tres núcleos rurais

A institución provincial achega 104.000 euros, o 80 % do orzamento, para renovar o firme de 845 metros de estradas municipais en Vilar de Outes, Fontelos e Áspera

A Deputación e o Concello de Outes investirán 130.000 euros na mellora de vías en tres núcleos rurais

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Outes, Francisco Calo Abelleira, asinaron hoxe un convenio de colaboración para renovar o pavimento de varias vías municipais en Vilar de Outes, Fontelos e Áspera. As obras contan cun orzamento de 130.000 euros, dos que a Deputación achegará 104.000 e o Concello, os 26.000 restantes.

A intervención de maior lonxitude levarase a cabo en Fontelos, onde se renovará o firme dunha vía de 500 metros de longo e catro de ancho. Os traballos incluirán a reparación das fochancas e a posterior aplicación dunha capa de aglomerado en quente de seis centímetros de espesor. A mesma solución empregarase nun treito de 140 metros da vía que comunica Áspera coa estrada AC-550 polo Oasis.

En Vilar de Outes, as obras abranguen catro treitos que suman 205 metros. Neste núcleo colocarase un pavimento de formigón de 15 centímetros de espesor sobre unha base de grava compactada, con franxas lonxitudinais e transversais de lastros.

As actuacións responden ao deterioro do firme que presentan actualmente estas estradas municipais. A súa renovación mellorará a seguridade da veciñanza que se despraza a pé e facilitará o acceso do transporte escolar e dos vehículos que trasladan as persoas usuarias do centro de día.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X