Estás en:Emprego

Desde o ano 2016 os Premios PEL distinguen, dan visibilidade e poñen en valor aquelas iniciativas empresariais que impulsen cambios reais no ámbito socioeconómico e deixen a súa pegada no territorio.

Considerado como un dos premios de maior dotación económica, recoñecen ás mellores iniciativas empresariais da provincia, fomentando a súa imaxe positiva e realzando o seu papel fundamental como xeradoras de riqueza, emprego e benestar, contribuíndo á súa sostibilidade, fomentando a cultura emprendedora e potenciando o rural.

Pequenas e medianas empresas, microempresas e persoas autónomas con domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña poden presentarse a algunha das categorías establecidas ou ser nominadas polo Xurado de persoas expertas.

Máis de 570 entidades teñen presentado a súa candidatura ao longo das súas sete primeiras edicións, entre as que se repartiron un total de 497.000 euros en premios.

En definitiva, a VIII edición dos Premios PEL pon de manifesto a forte aposta que está a realizar a presente corporación provincial polo emprendemento, polo fortalecemento do tecido empresarial, pola innovación no emprego e pola dinamización do rural, como peza clave no desenvolvemento económico da provincia e motor da nosa economía.

A OITAVA EDICIÓN

Nesta nova edición os Premios PEL repartirán un total de 80.000 euros. A contía do premio de cada un dos primeiros clasificados de cada categoría será de 20.000 euros coa excepción de que os membros do xurado decidan conceder accésits aos segundos clasificados dalgunha categoría cando entre a primeira e segunda candidatura medie unha diferencia inferior ou igual a 5 puntos. Neste suposto os primeiros clasificados recibirán un premio de 15.000 euros e os segundos clasificados un accésit de 5.000 euros.

As categorías son:


1ª CATEGORÍA: Iniciativa emprendedora

2ª CATEGORÍA: Traxectoria empresarial

3ª CATEGORÍA: Iniciativa territorio sostible

4ª CATEGORÍA: Iniciativa empresarial singular

CATEGORÍA HONORÍFICA: Iniciativa transformadora do rural

Ver FAQ

 

Prazo de presentación de candidaturas do 23 de abril ás 9.00h ao 12 de maio ás 14.00h



  Plan de Emprego Local
Premio provincial ás mellores iniciativas empresariais

 Teléfono: 981 415 513

   email: premiospel@dacoruna.gal

 

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X