Estás en:Emprego Novas

A Liña do Galego duplicou en 2021 o número de queixas recibidas por vulneracións de dereitos lingüísticos da cidadanía galega

A maioría das queixas recibidas producíronse no ámbito sanitario, en relación coa covid-19, sendo numerosos os expedientes que denuncian a falta de atención oral e escrita por parte do servizo galego de saúde nos centros de vacinación, nas comunicacións telefónicas e nas mensaxes enviadas á poboación para a realización de cribados e da vacinación

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Deputación da Coruña veñen de presentar o informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2021

A Liña do Galego duplicou en 2021 o número de queixas recibidas por vulneracións de dereitos lingüísticos da cidadanía galega

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Celia Armas, secretaria xeral da Mesa; e María Muíño, deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, presentaron esta mañá na Coruña o informe anual da Liña do Galego correspondente a 2021. Segundo recolle o devandito informe, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app da Liña do galego un total de 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 foron consultas e 58 foron parabéns.

"Debemos sinalar a importancia" asegurou María Muíño durante a súa intervención "que a Liña do Galego para canalizar e visibilizar as queixas ao respecto da vulneración dos nosos dereitos lingüísticos, máis tamén como ferramenta para transformar e mudar a realidade". Neste sentido, a deputada de Normalización Lingüística cualificou a Liña do Galego como "un proxecto necesario, singular e excepcional" e anunciou que o seu departamento continuará co apoio a esta iniciativa en 2022 ao estar xa aprobada tamén a partida orzamentaria en pleno -concretamente 34.000 euros dun orzamento total de 42.500, o que supón o 80%-.

As administracións públicas e, nomeadamente o Sergas, acumulan o maior número de queixas tramitadas pola Mesa. A secretaria xeral da entidade, Celia Armas explicou que, en xeral, "é no ámbito da administración onde a cidadanía é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración". Porén, Armas sinalou que "no sector privado aínda hai moito por avanzar, for no campo lexislativo, for na responsabilidade de atención digna que deben asumir as empresas".

Neste sentido, a secretaria xeral da entidade de defensa da lingua denunciou que as empresas que máis queixas rexistraron o 2021 foron Naturgy, Ikea, Gadis, Google, Endesa e o Centro Comercial Vialia. A maioría destas queixas derivan da falta de atención oral e escrita en galego, da sinalización e rotulación dos establecementos exclusivamente en español e da deturpación de toponimia galega nas comunicacións escritas e nas páxinas web das empresas.

Neste sentido, Armas destacou algúns dos éxitos acadados despois da actuación da Liña do galego, como o feito de que Milanuncios corrixise o topónimo deturpado da Coruña, o ximnasio Be One o de "Las Lagunas" por As Lagoas e Lidl o de Vilagarcía de Arousa. Ademais, Abanca comprometeuse a poñer a disposición de quen o solicite a documentación requirida en galego e a plataforma e-saúde da Consellería de Sanidade comezou a abrirse, por defecto, en Galego.

O obxectivo do servizo A Liña do Galego é "romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego". Denunciar, reclamar, actuar son neste momento as únicas ferramentas que ten a sociedade galega, así como animar a actitude de quen cumpre co galego moitas veces sen axuda nin recoñecemento. Neste sentido, Armas recordou o incumprimento de acordos e lexislación nacionais, estatais e internacionais en relación á lingua e que "fronte ás 500 normas que amparan o castelán, as poucas a favor do galego non se aplican". "A utilidade da Liña", concluíu a secretaria xeral da Mesa, "demóstrase no incremento de casos resoltos mais tamén en que xa é un informe de referencia para institución da importancia do Consello de Europa ou o relator da ONU para os dereitos das minorías".

Pola súa banda, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, insistiu na grande importancia de existir un servizo como A Liña do Galego, único das súas características en Galiza e que só conta coa axuda da Deputación da Coruña. "A medida que o servizo se consolida aumentan as queixas", explicou, indicando que "a Liña é o único recurso de moitas persoas contra a frustracións, as ofensas continuas e o maltrato a persoas que o único que queren facer é vivir en galego con toda a normalidade posíbel". "Con máis apoio público, directo ou indirecto", advertiu, "poderiamos actuar máis e conseguiriamos que as agresións lingüísticas fosen menos". "En calquera caso", rematou, "o que presentamos no informe é unha mostra mínima do que acontece en Galiza co galego, temos a certeza de que hai miles de casos semellantes mais só nos chega unha parte pequena".

"Hai quen ten interese en reducir o galego ás mínimas posibilidades de uso e ás veces nin sequera ao ámbito privado", denunciou Maceira, en referencia ao caso de agresión física padecida por unha muller en Lugo a semana pasada. "Tamén hai quen se preocupa de que o galego non sexa útil nin sequera nos espazos que a sociedade foi recuperando para o galego", lamentou.

Como exemplo de negación do dereito ao uso do galego con repercusión noutros dereitos como a saúde ou a información, Maceira lembrou o caso do veciño de Rianxo ao que a Delegación do Goberno sancionou con 601€ por reclamar ser atendido en galego antes de entrar a un cribado Covid. "O peor deste caso", sinalou o presidente da Mesa, "é o desprezo mostrado por quen ten a obriga de garantir os dereitos democráticos por estes mesmos dereitos". "Como pode pasar en 2022 que a policía desinforme ou minta a un cidadán sobre o dereitos aos que se pode acoller e o goberno dea por válida esta actuación multando ademais a quen debería defender?", pregúntase o responsábel da entidade de defensa da lingua. "A resposta deuna un dos policías de Rianxo e é válida para os 480 casos que tramitou a Liña do galego", asegura: "Quen somos para reclamar atención en galego. Estamos en España!"

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X