Estás en:Emprego Novas

Carballo acolle esta fin de semana a terceira das seis feiras de dinamización do comercio local que impulsa a Deputación

O vicepresidente Xosé Regueira e o deputado Blas García asistiron á inauguración da feira, na que participan unha vintena de comercios da localidade

Carballo acolle esta fin de semana a terceira das seis feiras de dinamización do comercio local que impulsa a Deputación

Son 18 os comercios locais que participan, desde hoxe, venres 26 de agosto, e ata o domingo 28 de agosto, na Feira de Oportunidades que a Deputación da Coruña celebra no Concello de Carballo, un novo proxecto de dinamización do comercio local que comezou en Cambre e As Pontes, continúa en Carballo e posteriormente chegará a Betanzos, Arteixo e Culleredo.

O acto de inauguración da feira, ao que asistiron o vicepresidente Xosé Regueira, o deputado de Promoción Económica, Blas García, e o alcalde Evencio Ferrero, tivo lugar hoxe ás 17 horas na rúa Jacinto Amigo Leira e a xornada estenderase ata as 21 horas. O horario do sábado será de 10 a 14:30 horas e de 17 a 21 horas e o do domingo de 10 a 14:30 horas e de 17 a 20 horas.

As persoas que se acheguen ata alí poderán atopar os postos de: Poppy, Zapatillería Isabel, Necos, Zocas, regalosyregalitos.com, Calzados Susa, Mímate, A fragua, Akira, Style, holaMOBI, Miriñaque, La casita de Lu, O barco dos soños, Atelier, Ferretería Ángel Rama, Cris Zapatería Infantil

A Deputación realizou un contrato para o desenvolvemento dunha serie de seis feiras entre concellos con poboación entre 10.000 e 50.000 habitantes que conten con Asociación de comerciantes e con mesa de comercio propia ou mesa de comercio da Deputación.

O obxectivo, segundo explicou o deputado Blas García é fundamentalmente apoiar os comerciantes e artesáns da provincia e impulsar a dinamización da economía local. A duración das feiras terá unha duración máxima de 3 días (de venres a domingo). Comezou en Cambre do 22 ao 24 de xullo e nas Pontes, o 20 e 21 de agosto, e despois de Carballo continuará en Betanzos, do 2 ao 4 de setembro, en Arteixo, do 9 ao 11 de setembro, e rematará en Culleredo, do 16 ao 18 de setembro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X