Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña organiza un ciclo de catro xornadas formativas sobre o seu plan antifraude para xestionar os fondos Next Generation

Impartirase en Ortigueira, Curtis, Zas e Lousame durante os meses de outubro e novembro e está dirixido a representantes das entidades locais, persoal funcionario e laboral e ao público en xeral

Para anotarse é necesario enviar un correo electrónico a control.financiero@dacoruna.gal con dez días de antelación á data prevista

O PREMADECOR é un plan para previr condutas irregulares, corruptas ou fraudulentas na administración local que será posta a disposición dos concellos da provincia

A Deputación da Coruña organiza un ciclo de catro xornadas formativas sobre o seu plan antifraude para xestionar os fondos Next Generation

A Deputación da Coruña, en colaboración co Consello de Contas de Galicia, organiza durante os meses de outubro e novembro catro xornadas formativas para dar a coñecer o Plan xeral de prevención de riscos e medidas antifraude (PREMADECOR), que ten o obxectivo principal de garantir unha adecuada xestión dos fondos europeos Next Generation.

A primeira data é o xoves 6 de outubro, na Casa da Cultura de Ortigueira para os concellos do territorio que abrangue o partido xudicial de Ferrol, continuará o mércores 26 de outubro na Casa da Cultura de Teixeiro (Curtis) para os municipios dos partidos xudiciais da Coruña e Betanzos, o martes 22 de novembro no Auditorio de Baio (Zas) para os concellos dos partidos xudiciais de Carballo e Corcubión, e rematará o martes 29 de novembro en Lousame para os concellos dos partidos xudiciais de Santiago e Noia.

O contido das sesións e o horario será sempre o mesmo nas catro xornadas, comezando ás 9:30 horas e rematando ás 19:30 horas. Haberá catro relatorios: 'Fomento de marcos de integridade pública na xestión NGEU e o papel de colaboración do Consello de Contas coas entidades locais de Galicia', impartido polo conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego Vilar; 'Os procedementos de contratación para a xestión dos fondos NGEU: especialidades e cláusulas que se han introducir no prego de cláusulas administrativas particulares', impartido polo xefe do Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación, Luís Jaime Rodríguez; 'A canle de bo goberno e denuncias. Comentarios ao anteproxecto de Lei de protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de protección contra a corrupción', co oficial maior da Deputación, Miguel Iglesias, como relator; e, por último, 'O Plan PREMADECOR da Deputación da Coruña: medidas preventivas, de detección, correctivas e de persecución. A instrución dos procedementos de reintegro e sancionadores', impartida polo interventor adxunto da institución provincial, Juan Bautista Suárez.

Estas xornadas están dirixidas a persoas que exerzan algún cargo representativo nas entidades locais da provincia, a persoal funcionario e laboral e tamén a persoas interesadas en xeral. Para anotarse é necesario enviar un correo electrónico a control.financieiro@dacoruna.gal aportando o nome, apelidos, DNI, cargo ou posto de traballo que ocupan e municipio de procedencia. Ao remate de cada sesión emitirase o certificado de asistencia e entregaranse os diplomas.

O Plan PREMADECOR

Coa aplicación do Plan PREMADECOR a Deputación comprométese a reforzar unhas prácticas en todos os seus estamentos que non deixen ningunha marxe de actuación a condutas irregulares, corruptas ou fraudulentas e que, en tal caso, estes se detecten e se recobren para o erario público os fondos mal aplicados no prazo máis breve posible.

A posta en funcionamento dos mecanismos antifraude teñen como finalidade principal a protección dos fondos europeos que se canalizan a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que serán cruciais para o desenvolvemento de proxectos que melloren a vida dos cidadáns e os servizos dos que dispoñen nos diferentes territorios.

Por iso, o PREMADECOR xogará un papel fundamental para garantir que estes fondos Next Generation se usen de conformidade coas normas aplicables, en concreto no que se refire á prevención, detección e corrección da fraude e á corrupción e o conflito de intereses.

A eficacia e plena aplicación deste plan conseguirase coa creación do Comité antifraude da Deputación da Coruña (CADECOR), que terá a función de avaliar e mellorar de xeito continúo as medidas preventivas, detectar posibles incumprimentos e levar a cabo procedementos de natureza correctora.

Unha ferramenta posta a disposición dos concellos coruñeses

A Deputación, consciente de que este tipo de plans serán de obrigada e intensa aplicación no caso de recibir fondos europeos, pon o PREMADECOR a disposición de todos os concellos da provincia que desexen adherirse, establecendo distintos niveis de participación.

O primeiro nivel, que se oferta a todos os concellos da provincia sen excepción, só implica a adhesión ao plan pero, unha vez aprobado, será de exclusiva competencia municipal.

No segundo grao, que poderá acordarse cos concellos de ata 10.000 habitantes, ademais da adhesión poderase encomendar á administración provincial a xestión das funcións de avaliación de riscos.

Por último, no terceiro nivel, tamén ofertado aos concellos de ata 10.000 habitantes, ademais do acordo de adhesión poderase delegar a prol da Deputación as funcións de avaliación de riscos, a utilización da canle de bo goberno e denuncias, a análise e seguimento do plan e mesmo a tramitación e resolución dos expedientes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X