José Ramón Rioboo destaca o “inmenso potencial exportador da provincia” na IX edición de Exporpymes
O deputado de Emprego participou na inauguración institucional deste evento, organizado pola Cámara de Comercio da Coruña e cofinanciado pola Deputación
"Estamos a falar da quinta provincia máis exportadora de España, a primeira de Galicia, cuns datos que non paran de medrar ano tras ano", salientou
Rioboo sinalou a aposta polo emprego como "un dos piares da acción de goberno da Deputación" e lembrou que "a través do PEL destinamos 8,2 millóns de euros para fomentar a actividade económica"
O deputado de Emprego da Deputación da Coruña, José Ramón Rioboo, participou hoxe na inauguración da IX edición de Exporpymes, o evento de internacionalización do tecido empresarial galego organizado pola Cámara de Comercio da Coruña e cofinanciado pola Deputación, onde destacou o "inmenso potencial exportador da provincia".
Durante a súa intervención Rioboo salientou que "estamos a falar da quinta provincia máis exportadora de España, a primeira de Galicia, cuns datos que non paran de medrar ano tras ano e que permiten que aínda no se deixe ver o noso teito".
"Nos primeiros cinco meses deste ano 2022 as ventas ao exterior medraron de forma importante e as previsións desta Cámara de Comercio din que neste exercicio pode rexistrarse un récord exportador", explicou o deputado, que afirmou que "con estes datos enriba da mesa penso que é obvio que apostar polas pequenas e medianas empresas galegas en xeral e coruñesas en particular é facer unha aposta sobre seguro".
Ademais, Rioboo sinalou a aposta polo emprego como "un dos piares da acción de goberno da Deputación" e lembrou que "a través do noso Plan de Emprego Local destinamos 8,2 millóns de euros para fomentar a actividade económica dos sectores máis afectados pola crise e apoiando a empresas dos eidos estratéxicos emerxentes".
IX Exporpymes
En Exporpymes reúnense na cidade da Coruña, en Palexco, máis de 100 empresas exportadoras e máis de 75 importadoras. As empresas galegas con produto exportable pertencen aos sectores da alimentación e bebidas, produtos de limpeza e saúde. Pola súa banda, participaron tamén importadores e profesionais de 30 países: Armenia, Alemaña, Bélxica, China, Colombia, Dinamarca, Estonia, EE.UU, Finlandia, Francia, Guatemala, Holanda, Honduras, Hungría, Irlanda, Xapón, Marrocos, México, Nicaragua, Noruega, Perú, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Senegal, Singapur, Togo, Turquía e Uruguai.
A novena edición de Exporpymes propiciou máis de 400 contactos directos entre empresas galegas e estranxeiras, tanto para buscar novas oportunidades de negocio que dean o seu froito a curto/medio pazo como para o peche de vendas.
O presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, expuxo que "é unha satisfacción contar con empresas que iniciaron as súas primeiras experiencias internacionais da man dos nosos profesionais de comercio exterior, empresas que entenderon as vantaxes de contribuír á proxección de Galicia no mundo e que apoian a outras que se inician para que poidan crecer como elas o fixeron. Neste sentido, foros como Exporpymes permiten transmitir unha imaxe sólida, eficiente e innovadora do empresariado galego e, por tanto, de Galicia".